― A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na clausura das Aulas Isidro Parga Pondal que organiza a Fundación Eduardo Pondal co apoio do Goberno galego
― Desde a súa posta en marcha en 2015 pasaron por esta iniciativa máis de cen rapaces e rapazas
― Nesta edición ampliouse o rango de idades cunha actividade de iniciación á robótica e á programación para nenas e nenos de 3 a 9 anos; e incorporáronse o fototrampeo, un estudo xeolóxico da praia de Balarés ou observacións de aves no estuario do Anllóns
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na clausura das Aulas Isidro Parga Pondal organizadas pola Fundación Eduardo Pondal co apoio da Xunta de Galicia na aldea do Couto (Ponteceso). Desde a súa posta en marcha, no ano 2015, pasaron por esta actividade de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade máis dun cento de rapazas e rapaces.
A directora de Gain destacou Ponteceso como un enclave referente en Galicia no ámbito do fomento das vocacións científicas e subliñou o impacto de iniciativas como as Aulas Isidro Parga Pondal na súa contorna, contribuíndo a transformala. Así, Argerey apuntou que a cultura científica foi permeando na zona de tal xeito que nos centros de ensino atópanse aulas maker e clubes de ciencia e, mesmo, na oferta de ocio do verán, cun campamento científico e o Festiciencia.
Patricia Argerey felicitou á Fundación Eduardo Pondal polo seu labor de introdución na investigación da mocidade e da nenez e de espertar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía. Nesta edición, ampliaron ademais o rango de idade das súas actividades, ofrecendo iniciación á robótica e á programación para os máis pequenos (de 3 a 9 anos), que se suma ás Aulas Científicas, nas que participan rapazas e rapaces de 10 a 17 anos. En total, 54 nenas e nenos participaron desde comezos de ano nesta iniciativa. Ademais, incorporaron actividades novas, que reforzan a conexión das Aulas coa contorna, como o fototrampeo (para capturar imaxes da fauna salvaxe na zona); un estudo xeolóxico da praia de Balarés ou a observación de aves no estuario do Anllóns.
Na súa aposta polo talento, como elemento máis importante para o progreso dunha sociedade, a Axencia Galega de Innovación apoia iniciativas como as Aulas Isidro Parga Pondal ou o certame Cansat, neste último caso en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Polo Aeroespacial de Galicia
Ademais, conta cun programa propio de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no ámbito aeroespacial, Voando alto, sumando vocacións, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, que pretende converter a Comunidade nun referente a nivel mundial no segmento dos vehículos non tripulados ou drons e un programa D’tec, para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no ámbito do deseño, das tecnoloxías de realidade virtual e aumentada, materiais e Industria 4.0.
Neste curso escolar, que acaba de rematar, organizáronse dúas actividades no marco de D’tec nos que estudantes dos últimos cursos de Primaria e Secundaria tiveron a oportunidade de descubrir a importancia da innovación, o deseño e as tecnoloxías e áreas de traballo do Centro de Innovación e Servizos (CIS) Tecnoloxía e Deseño en Ferrol. Estes proxectos foron realizados nas aulas dos centros educativos e participaron máis de 600 estudantes de 16 centros educativos galegos.
No vindeiro curso escolar 2021-2022, a directora de Gain anunciou que se levarán a cabo novos proxectos escolares no marco deste programa que abordarán outras temáticas ligadas á innovación e ao fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, ademais doutras actividades como talleres e espectáculos, se a situación da covid-19 o permite.
Así mesmo, Gain colabora co programa EdutecEmprende co obxectivo de sensibilizar ao alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega a áreas STEM.
Por último, a través do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), desenvólvense diversos proxectos vencellados ao fomento das vocacións científicas como a feira Galiciencia.