O próximo mércores, 30 de xuño de 2021, remata o prazo para apuntarse ao Verán Lúdico, a actividade organizada polo Concello de Touro para os meses de vacacións escolares dos máis pequenos e coa finalidade de que as familias poidan conciliar. O Verán Lúdico, destinado a nenas e nenos desde os tres aos trece anos, desenvolverase nas seguintes datas: desde o 1 de xullo ao 31 de xullo e desde o 1 ao 31 de agosto de 2021. O horario: de luns a venres de 10.00 ata as 14.00 horas. Tamén hai a posibilidade de que os nenos e nenas comencen a actividade ás 8.30 horas.
O Concello de Touro, que pon de novo en marcha esta iniciativa, pretende que a actividade sirva como alternativa de lecer e desfrute do tempo libre dun xeito educativo e lúdico. Entre as actividades programadas están os obradoiros de igualdade e animación á lectura, actividades acuáticas na piscina e multideporte, o obradoiro de xogos predeportivos e colaborativos e o obradoiro de reciclaxe e medio ambiente. O Verán Lúdico aplicará o protocolo da Covid19 recomendado polas autoridades sanitarias para este tipo de actividades. Os interesados en inscribirse deberán dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Touro.