Ratíficase o que lle avanzara a principios de mes a comisaria de Política Rexional ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun encontro en Bruxelas
A Comisión Europea vén de aprobar o Programa operativo Feder elaborado pola Xunta para o período 2014-2020, de forma que Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en ter aprobado este programa. Isto permitirá desbloquear os primeiros 900 millóns de euros de fondos europeos, dos 4.000 millóns que vai recibir a Comunidade galega ata 2020.
A Comisión Europea ratifica así o que xa lle avanzara a principios deste mes a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión celebrada en Bruxelas. Unha vez que o programa operativo recibiu a aprobación, a Xunta de Galicia poderá comezar a executar xa os fondos correspondentes ao novo marco comunitario.
Os obxectivos temáticos nos que se concentrará o investimento responden precisamente á Estratexia de Especialización Intelixente deseñada polo Goberno galego, e que se centra nunha clara aposta por un novo modelo de crecemento económico baseado no coñecemento e na innovación.
Entre estes obxectivos temáticos prioritarios –que concentrarán o 65% do investimento- figuran a potenciación da I+D+i, a mellora do uso e a calidade das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), a competitividade das pequenas e medianas empresas e a aposta por unha economía baixa en carbono en todos os sectores.
Ademais, nas prioridades de investimento tamén están o apoio á eficiencia enerxética e o incremento no uso de enerxías renovables, a promoción do espírito empresarial impulsando a creación de novas empresas, o saneamento das rías, o fomento do turismo ou a preservación do medio ambiente.
O Programa operativo Feder elaborado pola Xunta para o período 2014-2020 inclúe tanto actuacións directas como instrumentos financeiros e subvencións dirixidas ás pemes ou ao fomento da investigación e a innovación.