O Concello de moeche convocou para este luns, 28 de xuño, ás 19.00h na casa consistorial a todas as asociacións veciñais do municipio para abordar dous temas cruciais neste momento. Dunha banda os proxectos eólicos que pretenden implantarse no municipio e, da outra, as achegas ao documento de diagnose a partir do cal o Estado elaborará o Convenio de Transición Xusta das Pontes, do que Moeche tamén formará parte xunto con outros municipios da comarca.
No referido aos proxectos eólicos, o Goberno Local de Moeche quere establecer unha canle de comunicación e colaboración permanente coas entidades co obxectivo de que conten con toda a información dispoñible até o momento, así como co apoio do Concello no caso daqueles proxectos que cheguen á fase exposición pública.
Neste sentido, o pasado martes tamén houbo unha Xunta de Portavoces dos dous grupos municipais para abordar a cuestión, que tamén se lle trasladará aos veciños e veciñas nas dúas xuntanzas que hai convocadas para os próximos días: a primeira o 2 de xullo -19.30h, nave do Mercado- con representantes do Observatorio Eólico de Galicia e do colectivo pontés “Ventos do Caxado”, e a segunda o día 7 de xullo ás 18.30h no mesmo lugar con representantes de ENEL, promotora dun dos parques que se pretenden instalar no municipio.
Convenios de Transición Xusta
Por outro lado, dado que Moeche é un dos concellos pertencentes ao ámbito territorial do Convenio de Transición Xusta das Pontes, o Goberno municipal tamén lles ofrecerá ás entidades na reunión deste luns 28 toda a información da que dispón respecto ao plan estatal, que ten como obxectivo investir fondos públicos que dean resposta ás necesidades das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Eume tralo peche da térmica pontesa.
Ata o 4 de xullo poden facerse contribucións e propostas ao documento de diagnose inicial elaborado polo equipo redactor doInstituto para a Transición Xusta, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.