· O documento, que aumenta con respecto ao último aprobado en 2019, será sometido á votación do pleno o próximo luns, 28 de xuño.
· A área de servizos sociais ascende a 749.740,29 euros, incrementándose en 151.874,71 euros.
· O anexo de investimentos suma 347.333,66 euros, destacando o proxecto de renovación da rede municipal de abastecemento de Camariñas.
· Os gastos destinados a salubridade pública pasan de 4.000 euros no ano 2019 a 65.000 euros neste orzamento.
· No pleno tamén se tratará un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 483.436,94 euros.
O goberno local de Camariñas, atendendo ao contexto sanitario e económico actual, fai unha clara aposta polas políticas sociais e a reactivación económica nos seus orzamentos para o 2021, que ascenden a 4,9 millóns de euros e que se levarán a un pleno extraordinario que se celebrará o próximo luns, 28 de xuño, ás 9 horas.
O documento, equilibrado en gastos e ingresos, ascende este ano a 4.960.725,68 euros, aumentando en 49.395,04 euros con respecto ao último, aprobado no 2019.
Os números do orzamento seguen a reflexar as principais liñas de actuación que o goberno local considera prioritarias. No apartado dos servizos sociais auméntase a partida, pasando de 597.865,58 euros no 2019 aos 749.740,29 euros previstos para 2021, o que supón un incremento de 151.874,71 euros.
Neste eido refórzase principalmente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo imprescindible e no que a aportación municipal segue a ser moi importante para atender aos nosos maiores.
Co obxectivo de minimizar ao máximo o posible risco de contaxios por COVID-19 o Concello aumentou o gasto en limpeza e salubridade pública, que pasa de 4.000 euros no 2019 a 65.000 euros en 2021. Esta partida serve para sufragar as desinfeccións de rúas, colexios, centros de saúde…
Dótase tamén de orzamento á aportación municipal das axudas do programa PEL Reactiva da Deputación da Coruña dirixidos aos locais afectados pola pandemia.
Séguese mantendo o orzamento destinado á Mostra do Encaixe co obxectivo de continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e de por en valor aquelo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo. Ao mesmo tempo o goberno local considera que a súa realización en outubro, despois dun ano de ausencia, suporá un beneficio económico para os locais comercios do municipio.
Investimentos
No anexo de investimentos para o ano 2021 refléxanse actuacións moi demandas e necesarias para a veciñanza, destacando o proxecto de renovación da rede municipal de abastecemento de auga de Camariñas, a aportación municipal da obra para a reordenación da praza de San Xurxo ou o modificado da mellora de acondicionamento da rúa nova, entre outros.
A totalidade dos investimentos ascende a 347.33,66 euros e aínda non se recollen neste apartado o orzamento das obras financiadas co Plan Único da Deputación. Destacar tamén que as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 1.960.806,04 euros, o que supón un 39,53 % do orzamento total.
A alcaldesa, Sandra Insua, amosouse confiada de “elaborar un orzamento dirixido principalmente ás persoas, que moitas viron agravadas as súas situacións particulares por mor da pandemia” pero tamén destacou que “aínda así non esquecemos o apartado de investimentos, tan necesarios para que Camariñas continúe crecendo”.
Recoñecemento extraxudicial de crédito
No pleno do próximo luns o goberno local tamén leva para a súa aprobación unha proposta de recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 483.436,94 euros co obxectivo de facer fronte a facturas a provedores pendentes do ano 2020, ben por falta de crédito ou ben porque entraron no Rexistro no ano 2021