Friday 22 de November de 2024

Cúbrense nunha hora as 180 prazas da primeira convocatoria de 2015 para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta


O certificado, que emite a Amtega, acredita a formación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abriu o pasado día 10 o prazo de inscrición da primeira convocatoria deste ano para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta (CODIX). Nese primeiro día e en tan só unha hora cubríronse as 180 ofertadas. O certificado, que emite a Amtega, acredita a formación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada.

As persoas que accederon a esta convocatoria terán que superar un exame presencial, tras o seguimento dun curso preparatorio na modalidade de teleformación titorizada, a través da Rede CeMIT.

Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2015, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).

Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de 1.000 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 500 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 800 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas probas presenciais celebradas en diversas aulas da rede.

Perfil do alumnado
En canto ao perfil dos solicitantes desta primeira convocatoria, o 71% son mulleres, maioritariamente das provincias de A Coruña e Pontevedra. Por rango de idades, preto do 85% son persoas de entre 30 a 50 anos, e arredor do 10% menores de 30 anos.

Respecto ao perfil profesional, máis da metade son traballadores por conta allea, un 33% de desempregados e un 3% de traballadores por conta propia ou autónomos. Destacar tamén o alto nivel de estudos dos interesados, que nun 62% posúen estudos superiores (licenciatura ou diplomatura).