Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 180.000 euros en apoiar a contratación de 55 socorristas en 10 concellos da Comarca de Ferrolterra


― A Consellería de Emprego e Igualdade apoia ás entidades locais na contratación de servizos de interese xeral e social, competencia municipal, como é o caso da vixilancia de praias, piscinas ou espazos fluviais

― Invístese 1,5M€ para apoiar en 185 concellos galegos a contratación de case 500 persoas desempregadas para este fin

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas aos concellos galegos para apoiar a contratación de servizos de interese xeral, que sexan competencia municipal. No caso da comarca de Ferrolterra, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 55 socorristas en 10 concellos cun investimento de máis de 180.000 euros.

Trenor destacou que “estes programas teñen como obxectivo dar cobertura aos concellos para que poidan prestar servizos de forma máis eficaz e ao mesmo tempo apostan por un sistema de colaboración coas entidades locais encargadas da selección deste persoal”.

En global, en toda Galicia, a Xunta inviste este ano 1,5 millóns de euros para axudar a 163 concellos e unha mancomunidade a sufragar os costes da contratación de 464 socorristas en praias, piscinas e espazos fluviais.

Un dos requisitos principais desta iniciativa é que as persoas que se contraten sexan desempregadas co obxectivo de seguir impulsando o emprego local na comunidade galega co obxectivo de proporcionarlles experiencia e práctica profesional que permita a súa inserción laboral.

Esta medida ten como obxectivo, polo tanto, mellorar a empregabilidade das persoas participantes co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego. Enmárcanse na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios.

O delegado da Xunta recalcou que estes programas son unha mostra máis de que a Xunta está a facer un importante esforzo para crear emprego na provincia e neste caso o fai a través dun traballo conxunto cos concellos, o que implica un triplo beneficio: o aforro para as facendas locais; a garantía de que as ocupacións solicitadas responden ás necesidades reais dos municipios que, como administracións máis próximas, coñecen as necesidades máis urxentes; e o impulso á creación de emprego no eido local.