Saturday 16 de November de 2024

O Sons da Vila amenizará A Pobra cunha vintena de concertos


A música volverá encher diversos espazos da Pobra do Caramiñal co gallo dunha nova edición do Sons da Vila, cuxo cartel está composto por un total de 22 concertos. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, foron as encargadas de explica-los detalles desta proposta organizada polo Concello en colaboración coa produtora Silencio Roto. Segundo expuxeron, a acción está pensada para as terrazas dos locais hostaleiros ao tempo que se contribúe á visibilización de grupos locais e á dinamización da vila.

A programación arranca no mes de xullo con Airband (día 1, Xardíns de Valle-Inclán); Versus (día 2, praza de Maura); Leite con jalletas (día 7, rúa Rafael Calleja); Rockolas (día 8, rúa Unión/praza de Maura); Adolfo FH (día 14, Xardíns de Valle-Inclán); Concierto Descaro (día 15, praza Victoriano García Martí); Sabela King & The Hearthbreakers (día 21, paseo dos Areos); Human (día 22, rúa Unión/praza de Maura); Blow (día 23, praza de Maura) e Mar Davila Trío (día 28, Xardíns de Valle-Inclán).

As actuacións continuarán en agosto da seguinte maneira: Sr. Salvaje (día 5, Xardíns de Valle-Inclán); Caras B (día 6, praza de Maura); Alba & Loren (día 8, rúa Unión/Cantón da Leña); Os Bar Ban Sónicos (día 11, rúa Unión/praza de Maura); Concierto Descaro (día 19, rúa Unión/praza de Maura); Amoenus (día 20, praia da Illa); Human (día 22, Xardíns de Valle-Inclán); Mar Davila Trío (día 25, Xardíns de Valle-Inclán); Culpables (día 26, praza Victoriano García Martí); e Os Bugis (día 27, praza de Maura).

Este evento concluirá no mes de setembro con Caras B (día 3, Xardíns de Valle-Inclán) e Adolfo FH (día 10, praza Paulino Santos).

Tódalas sesións comezarán ás 21.00 horas, agás na xornada do 21 de xuño, que será ás 13.00 horas.