Friday 22 de November de 2024

Abre as súas portas a piscina municipal de Frades, tras unhas obras de mellora integral das instalacións valoradas en 98.000 €


Os traballos incluíron a renovación e impermeabilización do vaso da piscina, a mellora do sistema de depuración, o repintado da instalación e a construción de escaleiras para facilitar o acceso de persoas maiores

Tamén se fixeron melloras na área recreativa e na zona de xardín, acondicionando o regato que sufrira danos cos temporais do inverno

A piscina municipal de Frades abre hoxe venres as súas portas para temporada de verán, despois dunhas obras de mellora integral das instalacións que incluíron a impermeabilización do vaso, a mellora do sistema de depuración e canalización, a dotación dun acceso para persoas maiores ou de mobilidade reducida e o repintado de todas as instalacións, entre outras. Uns traballos executados por Aquanor Augas del Noroeste que supuxeron un investimento de 98.041,29 euros.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “renovamos todo o vaso da piscina grande, que tiña moitas fugas e desprendementos no revestimento que agora quedaron solucionados, e aproveitamos para incluír dúas escaleiras para facilitar o acceso de persoas maiores ou con mobilidade reducida”. Unhas deficiencias que provocaban un consumo extraordinario de auga para manter o nivel da piscina, o que se traducía nun gasto adicional para o Concello e un desperdicio de auga potable.

Para solucionalo, impermeabilizouse o vaso se se repararon as fisuras existentes tanto no propio vaso como no depósito de compensación. Así mesmo, demoleuse o sistema de canalización da auga arredor do vaso da piscina, que foi substituída por outra cun circuíto en PVC para conducir a auga ao depósito de compensación.

Automatización e contorna

Finalmente, substituíronse os circuítos hidráulicos, as bombas dosificadores e as distintas válvulas do sistema de depuración. “Mellorouse todo o sistema de depuración, que agora funciona de forma automática”, resume Rey Martínez. Isto evitará ter un operario constantemente na instalación para controlar e revisar manualmente o sistema.

“A maiores, repintamos a piscina infantil, a pista de pádel e os vestiarios. Tamén fixemos melloras na zona de xardín e na área recreativa, acondicionando o regato, que sufrira danos cos temporais de choiva do inverno pasado”, apunta o alcalde de Frades. Unhas obras que foron realizadas con cargo ao POS Complementario de 2019 da Deputación da Coruña, con achegas do Concello de Frades e a colaboración do alumnado do Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo.
Tempada de verán

A piscina municipal, emprazada na parroquia de Papucín, estará aberta ao público dende hoxe venres 25 de xuño en horario de 15:30 a 21:00 horas (de luns a venres) e de 14:30 a 21:00 horas (sábados e domingos). A entrada é totalmente de balde, tendo preferencia as persoas empadroadas en Frades.

Como medida para controlar o aforo e protección fronte á Covid-19, a entrada ás instalacións debe reservarse diariamente. Para facelo, as persoas usuarias deberán entrar no enlace: https://piscinafrades.orbinn.com, ou acceder a través da web municipal www.frades.gal. O horario para pedir cita nesta APP é das 12:00 horas do día anterior ata as 11:00 horas do propio día.

Excepcionalmente, o Concello de Frades permitirá que as persoas empadroadas que non teñan acceso a Internet poidan pedir a súa entrada de forma telefónica, chamando ao 918 695 567.