Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para axente de igualdade, o Concello da Pobra do Caramiñal efectúa a convocatoria das probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal do posto indicado.
Cómpre indicar que se atopa ó abeiro dunha achega da que resulta beneficiaria a Administración local para a “contratación de persoal técnico ou axentes de igualdade” no 2021, segundo o recollido na Resolución de 16 de abril de 2021 da Deputación da Coruña, pola que se aproba a concesión definitiva das achegas correspondentes ó programa de subvencións a concellos e outras entidades locais para o “financiamento do persoal técnico de igualdade” no presente exercicio.
As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos, referidos ó último día do prazo de presentación de instancias; entre eles, estar na posesión do título universitario oficial de grao, licenciatura ou diplomatura en Igualdade, Socioloxía, Psicoloxía, Dereito, Ciencias Políticas e da Administración, Psicopedagoxía ou Pedagoxía, Traballo Social, Educación Social ou un equivalente da área de ciencias sociais e xurídicas, así como te-la formación especializada en materia de igualdade de xénero ou violencia de xénero (como mínimo 500 horas), salvo no caso do grao en Igualdade.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles dende o seguinte ó da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste venres 25, se ben o texto íntegro das bases reguladoras das probas selectivas xa está no taboleiro de anuncios do Concello e na súa sede electrónica. As solicitudes axustaranse ó modelo normalizado que figura no anexo I, acompañadas da documentación que se indica nas bases. Toda a información detallada está á disposición nas canles xa referidas.