― A conselleira de Medio Ambiente destaca que só planificando e aplicando as accións de xeito conxunto, a Administración autonómica pode converterse nun modelo exemplar para acadar a descarbonización
― “Xa estamos a traballar para saber a pegada de CO2 de cada un dos nosos edificios, co fin de ter un inventario e, en función do mesmo, tomar as decisións para optar por enerxía limpa ou levar a cabo plans para secuestrar o carbono”, di
― Lembra que o Consello da Xunta aprobou a semana pasada varias actuacións para proxectos de enerxías renovables en 94 edificios de titularidade autonómica, cun investimento de 6,05 M€
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou esta mañá que a Xunta de Galicia se marca o obxectivo de ser unha administración neutra en carbono no ano 2040, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro en todos os seus ámbitos.
A conselleira presentou hoxe a iniciativa Xunta de Galicia, neutra en carbono, “un novo reto” da Estratexia galega de cambio climático e enerxía de 2050, a folla de ruta elaborada polo Goberno galego e coa que a Comunidade se converteu nunha das primeiras rexións europeas en establecer por escrito este compromiso de neutralidade climática.
Ángeles Vázquez indicou que esta obriga foi asumida por todos os departamentos da Xunta, pois “a Administración pública é a primeira que ten que dar exemplo”, dixo, á vez que lembrou que no primeiro ano de Estratexia xa se investiron 317 millóns de euros nas 171 medidas contempladas ata 2024.
Segundo manifestou, existen dous ámbitos nos que apoiarse para acadar esta meta: a redución drástica das emisións e o aumento da capacidade de absorción de carbono, co impulso de proxectos que poñan en valor a capacidade dos espazos naturais.
Así, explicou que é necesario coñecer cal é a pegada de carbono da Administración, é dicir, saber cales son as emisións de gases de efecto invernadoiro dos departamentos da Xunta, unha análise que se realizará edificio a edificio, para identificar as súas dinámicas en canto aos gastos de consumo de calefacción e refrixeración
“Xa estamos a traballar para saber a pegada de CO2 de cada un dos edificios da Xunta, co fin de ter un inventario e, en función do mesmo, tomar as decisións para optar por enerxía limpa ou, noutro caso, levar a cabo plans para secuestrar ese carbono”, subliñou.
Así mesmo, porase o foco no ámbito das emisións indirectas, para coñecer os gases que se emiten nos traxectos de cara ao traballo ou no desenvolvemento da actividade laboral, o que terá como resposta a aposta polos vehículos verdes e menos contaminantes.
A modo de exemplo, a conselleira, acompañada polo director de Enerxía do Inega, Juan Rodríguez, citou a actuación executada na zona de aparcamento de San Lázaro, no que se atopan varias das sedes da Xunta e onde se instalaron paneis fotovoltaicos con puntos de recarga para vehículos eléctricos, ademais de mellorarse a iluminación exterior; “unha medida cuxos beneficios se traducen en evitar a emisión de 126.000 kg de CO2, o equivalente a plantar 6.500 árbores”, sinalou.
“Convidamos a todos os galegos a que sexa partícipes”
“Convidamos a todos os galegos e galegas, e a todas as administracións, a que sexan partícipes deste traballo que é laborioso, pero que merece a pena para seguir posicionándonos como Comunidade referente, mantendo esta Galicia verde e azul da que tanto presumimos e da que estamos tan orgullosos”, abundou a conselleira.
Cómpre lembrar que o outro novo reto que se propuxo a Comisión interdepartamental da Estratexia, que se reuniu por primeira vez este mes, foi a Alianza Galega polo Clima, para implicar a empresas, asociacións profesionais e organizacións sindicais, así como oenegués ambientais, entidades da sociedade civil e administracións públicas que queiran achegar a súa experiencia.
Nese sentido, as oficinas do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía —ao que xa están adheridos 271 concellos galegos— son antenas receptoras de todas aquelas accións e medidas que se impulsan en Galicia. O Pacto é unha iniciativa que segue vixente e cuxo funcionamento, de feito, acábase de renovar outro ano máis, ata agosto de 2022, por un importe de 172.500 euros.
Por último, Ángeles Vázquez recordou que o Consello da Xunta aprobou a semana pasada varias actuacións, lideradas pola Vicepresidencia segundo e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para proxectos de enerxías renovables en 94 edificios de titularidade autonómica. Esta iniciativa, na que se investirán 6,05 millóns de euros, permitirá un aforro enerxético de 8000 MWh ao ano e reducirá as emisións de CO2 en 2300 toneladas anuais.