Friday 22 de November de 2024

O Goberno local propón protexer 36 elementos arquitectónicos, etnolóxicos e arqueolóxicos


O executivo preséntallles aos grupos políticos un borrador que inclúe novos elementos para incorporar ao Catálogo de Edificios Protexidos do Plan Xeral de Ordenación Municipal

O Goberno local propón 36 novos elementos arquitectónicos, etnolóxicos e arqueolóxicos para ser incorporados ao Catálogo de Edificios protexido do PXOM. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, durante a realización da comisión informativa de Urbanismo que tivo lugar en María Pita. Villoslada presentou para a súa análise un documento de traballo non concluínte e aberto ás suxestións do resto de forzas políticas. Entre os elementos que o Goberno local pretende dotar con protección especial destaca a Lonxa do Gran Sol e o edificio do Observatorio Metereolóxico, así como diversos edificios de arquitectura racionalista diseminados pola cidade.

O Goberno de Inés Rey impulsou o pasado mes de novembro unha primeira protección de dez elementos arquitectónicos e comprometeuse a abordar a tramitación este mesmo ano, xa que a protección do patrimonio da cidade é unha prioridade marcada pola alcaldesa. Dos 36 elementos que o Goberno local propón para súa protección, un total de 23 son elementos arquitectónicos que corresponden á época racionalista dos anos 30 e 40, e o resto, diversos elementos etnolóxicos e arqueolóxicos. “Fixemos un borrador para analizar co resto de grupos as nosas propostas e seguir traballando para poder finalizar o documento e iniciar a súa tramitación no mes de setembro”, explicou.

Doutra banda, o edil sinalou que a proposta prevé adecuar un nivel de catalogación da lonxa para garantir que a protección sexa compatible coas súas actividades portuarias.
Ademais, a maioría dos edificios terán un nivel 3 de protección (protección ambiental), que permitirá compatibilizar a protección con obras de reforma e rehabilitación integral interior, ao tempo que garante a súa protección desde o punto de vista patrimonial. Tamén se está a estudar outra modificación puntual relativa ao Camiño Inglés que foi aprobada de maneira inicial polo pleno no ano 2016 para poder incluíla no documento.