Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño admite todas as solicitudes presentadas para a quenda de xullo da Aldea de Verán


O servizo de conciliación comeza o xoves da semana que vén

 

A área de Igualdade do Concello de San Sadurniño resolveu onte mesmo o expediente das 27 solicitudes de praza presentadas para a quenda de xullo da Aldea de Verán. Todas elas foron admitidas, de modo que as familias deberán agora facer o pagamento para poder enviar a rapazada a este servizo de conciliación que botará a andar o día primeiro. No caso das de San Sadurniño -15 en total- ese trámite xa o fixeron no momento de solicitar a matrícula. Do total de peticións, outras 7 son de persoas que teñen vinculación laboral co municipio, outra porque o/a menor que vai asistir á Aldea ten matrícula no CPI e as catro restantes -últimas na prioridade de asignación das prazas- procedentes doutros municipios da comarca, que optaron por San Sadurniño para que pasen aquí as mañás de xullo aprendendo e xogando.

A distribución das prazas da Aldea de Verán fíxose de acordo coas solicitudes presentadas no Concello dentro do prazo ordinario e seguindo os criterios de prioridade establecidos nas bases. Ofertábanse 30 e cubríronse 27, polo que trala primeira asignación quedaron vacantes outras 3 das cales, hoxe mesmo, tamén quedaron reservadas dúas segundo a orde en que as familias rexistraron as súas peticións. En resume, para o mes de xullo só quedaría dispoñible neste momento unha única praza.

Para a quenda do mes de agosto, no mesmo período ordinario aberto a primeiros de mes recolléronse 11 solicitudes de matrícula presentadas por familias de San Sadurniño (as únicas que poden inscribir a rapazada para os dous meses). Quedarían, polo tanto, 19 vacantes que se poderán solicitar entre o 1 e o 15 de xullo.

O programa deste ano estrutúrase en varios bloques temáticos: deporte -patinaxe, hóquei, volei, tiro con arco…-, novas tecnoloxías -robótica, pilotaxe de drons, modelado e impresión 3D-, patrimonio e natureza -rutas pola zona, horta, coñecemento dos elementos patrimoniais, etc.- e lingua e cultura, no que se traballará dun xeito moi entretido ao redor dos oficios, o teatro, o uso do galego ou a música. No catálogo de propostas semanais tamén se inclúe brincar coa auga, organizar xogos cooperativos e actividades que fomenten a empatía e a comunicación, a arte e a reciclaxe e outras actividades que fagan da Aldea de Verán un espazo moi animado.

As nenas e nenos -todos eles e elas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos- empezarán con distintos horarios segundo as preferencias expresadas polas familias. Os máis madrugadores -7 en total- entrarán ás 8.30h e os demais iniciarán a mañá a iso das 9.30 h, rematando en ambos casos ás 14.30 h. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI, salvo aquelas que se fagan no marco de visitas a outros espazos.