Friday 22 de November de 2024

O Concello programará durante tres semanas charlas, cine, concertos e unha ruta sobre rodas polo Día do Orgullo


A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, destacou a importancia de volver a reivindicar a presenza do colectivo LGTB e de celebrar que “Somos, Estamos e Amamos”, tal e como reza o lema deste ano

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou esta mañá o programa para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTB, un conxunto de iniciativas que deseñaron conxuntamente entre a concellería, o espazo municipal das diversidades sexuais e as identidades de xénero e mais as entidades da cidade que achegaron as súas propostas. En concreto, explicou que este ano colaboraron con Corufest, CASCO, ALAS Coruña, Les Working, Les Coruña, ARELAS e ORCO e destacou que sen o activismo de todas estas asociacións esta sociedade non sería o que é hoxe. A edila sinalou que despois das dificultades que supuxo a pandemia para reivindicar a igualdade dos colectivos máis vulnerables, toca o momento de celebrar que “Somos, que Estamos e que Amamos” parafraseando o lema desta edición. Yoya indicou que as persoas LGTB teñen que estar cada vez máis presentes e facer máis visibles as inxustizas que poidan sufrir porque “elas son un exemplo de amar como resposta ao odio que puideron padecer”. Ademais, recordou o compromiso do goberno de Inés Rey por impulsar políticas de igualdade e apoiar o tecido asociativo que traballa incansablemente por conseguila.

Deste xeito, a programación comezará o sábado e estenderase durante case tres semanas até o 15 de xullo. Consistirá nas seguintes actividades:

– Charlas en que se abordarán diferentes temas de interese para as persoas LGTB (26 de xuño e 9 e 10 de xullo):
 A visibilidade lésbica, 26 de xuño, ás 11.00 horas na Fundación Seoane. Retransmitirase a través da canle de YouTube “Lesworking Comunidad”.
 Dereitos humanos e leis para o empoderamento das persoas LGTB, 9 de xullo, ás 18.30 horas no Centro Ágora.
 Importancia da educación para a prevención da discriminación, 10 de xullo, ás 11.00 horas, no Centro Ágora.

– Ciclo de cine en que a selección de películas porán o foco de atención nas personaxes femininas e, en particular, ás mulleres trans como colectivo especialmente vulnerable (29 de xuño, 1, 6, 8 e 13 de xullo, ás 22.00 horas na Fundación Seoane). O apartado inaugurarase o día 29 co recital de Lúa Mosquetera.

– Atlantic Pride Lite (3 de xullo) nunha edición adaptada ás circunstancias sociosanitarias, en que actuarán ás 21.00 horas Nenita Danger, Yogurinha Borova, Xenon Spain e Marta Sango no Teatro Colón. As entradas están á venda en corunacultura.sacatuentrada.es.

– Ruta orgullosa (4 de xullo): unha ruta en patíns, skate, bicicleta ou vmp que servirá para visibilizar o colectivo LGTB. Realizada coa colaboración das entidades Galicia Rollers, Mobiliza e a Asociación Coruñesa de Usuarios de vmp. Partirá desde A Mariña ás 11.00 horas e chegará a María Pita.

– Concerto no Castelo de Santo Antón (15 de xullo): que suporá o final da programación coa posta en escena ás 21.30 horas do Coro Cantabile, o dúo Feminino Plural formado por Silvia Penide e Carla López e o dúo More Amore.