Saturday 23 de November de 2024

O proxecto Pasea por Fene dota ao comercio fenés dunha ferramenta para a venda online


O Concello de Fene obtivo unha subvención da Cámara de Comercio de España para poñer en marcha a ferramenta

O Concello de Fene acaba de presentar o proxecto “Pasea por Fene”, unha iniciativa coa que a área de Promoción Económica e Turismo de Fene pretende dar cobertura ao pequeno comercio e persoas autónomas da localidade para a venda dos seus produtos e servizos a través da internet. O programa déuselle a coñecer hai unhas semanas ao tecido produtivo local e agora, trala incorporación de 70 negocios, Pasea por Fene inicia a fase de difusión entre a veciñanza, co obxectivo de que poidan facer as súas compras dun xeito máis cómodo e, ao tempo, apoiando ao pequeno comercio fenés. O proxecto -presentado onte pola concelleira responsable, Ana Basoa, e polo rexedor fenés, Juventino Trigo- está a desenvolverse grazas a unha subvención da Cámara de Comercio de España.

A través do portal www.paseaporfene.gal, activo desde este martes, o Concello pon a disposición dos negocios feneses unha ferramenta para adaptarse ás novas modalidades de consumo e coa que ter os seus produtos a disposición dos consumidores nun só punto de venda. É unha plataforma que poderán xestionar eles mesmos e na que a veciñanza vai atopar todo o que necesite nunha gran variedade de sectores.

O proxecto permite que moitos destes negocios potencien unha venda online que xa tiñan implementada mentres que, para outros, suporá abrir unha nova vía comercial. Pero, ademais, a plataforma contará cun directorio xeolocalizado de empresas, é dicir, unha especie de páxinas marelas que lle facilitarán as consumidoras potenciais atopar os servizos que precisen.

Polo de agora xa son 70 os negocios adscritos ao proxecto “Pasea por Fene”, onde é posible atopar roupa, calzado, alimentación e mesmo servizos. O prazo para adherirse ao marketplace fenés segue aberto e dende o Concello confían en que esta mesma semana se chegue aos 80 establecementos integrados na plataforma. Este servizo é totalmente gratuíto e, independentemente da vixencia temporal desta iniciativa concreta, a estrutura de venda online personalizada e individualizada que se está a crear quedará a disposición dos usuarios permanentemente.

Pasea por Fene ten vocación de traspasar as barreiras do concello fenés e converterse nun referente na venda online en toda a comarca de Ferrolterra.