O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a delegada da Xunta, Belén Do Campo, visitaron as obras realizadas en Negreira grazas á Orde de Infraestruturas de uso público
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, visitaron as obras do parque infantil de “Pedra Mámoa”, que se realizaron ao abeiro dunha axuda da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta á que Negreira accedeu xunto ao Concello da Baña.
Rueda, que estivo acompañado na visita polos alcaldes de ambos concellos, Juan José Rey e Andrés García, destacou que estas iniciativas benefician directamente aos cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Neste caso concreto, a Xunta investiu máis de 43.000 euros para o financiamento deste parque e a actuación levada a cabo nas inmediacións do complexo deportivo.
O número dous da Xunta incidiu que estes dous concellos son un exemplo en cooperación, e así o teñen demostrado nestes últimos anos, xa que tamén teñen posto en marcha iniciativas conxuntas para aproveitar o Fondo de Compensación Ambiental xunto con Santa Comba e Val do Dubra.
Coa suma de esforzos os concellos galegos logran ser máis eficientes, evitan duplicidades, ofrecen un mellor servizo aos veciños e teñen máis opcións de acceder ás axudas da Xunta, que mantén a máxima de priorizar nelas aos concellos que apostan pola cooperación e pola prestación conxunta de servizos.
Orde de infraestruturas
A Orde de Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. O ano pasado beneficiáronse destas axudas máis de 70 concellos a través de diversos proxectos.
En 2015 a dotación é de dous millóns de euros, que serán cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xa que un dos seus obxectivos é mellorar tamén as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais e redundar, unha vez máis, na aposta da Xunta polo rural galego.
A través destas axudas, a Xunta apoia aos concellos galegos para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos, entre outras actuacións. Tamén se poden subvencionar actuacións de mellora do alumeado público e pavimentación de vías municipais.