Principio de acordo unánime para poñer en marcha un novo Presco dotado con 6.260.000 euros
Os bonos para incentivar as compras no comercio, hostalaría, cultura, salas de peiteado e taxis estarán activos entre setembro e novembro deste ano
Até 2.000 persoas autónomas e micropemes poderán acceder ás axudas directas de 2.000 euros só cunha declaración responsable
Todos os grupos acordaron hoxe a aprobación dun novo Presco, un plan de reactivación económica e social para facer fronte aos efectos da pandemia e que estará dotado con 6.260.000 euros. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, agradeceu en nome da alcaldesa, Inés Rey, as aportacións dos distintos grupos ao plan para enriqueceren o texto final, consensuado na Comisión da Facenda celebrada hoxe.
Lage Tuñas destacou a disposición de todas/os as/os voceiras/os (Rosa Gallego polo PP, Iago Martínez pola Marea Atlántica, Francisco Jorquera polo BNG e Isabel Faraldo polos Non Adscritos) para chegaren a un acordo que finalmente permitirá que A Coruña conte este ano cun novo Presco, o segundo tras o posto en marcha en 2020.
O plan suporá un investimento total de 6.260.000 euros, cantidade afrontada en exclusiva con cargo ao orzamento municipal e á que haberá que sumar o incremento da programación cultural cuxo custe asumirá directamente o IMCE. A proposta consensuada hoxe aprobarase nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria que convocará Inés Rey a semana que vén. A previsión é que o novo Presco se aprobe no pleno do día 8 de xullo, explicou Lage Tuñas.
O novo Presco vertébrase a través de tres eixes principais: social, económico e cultural.
Eixe social:
Dotado con 600.000 euros, dos que 300.000 se destinarán a reforzar as partidas da Renda Social Municipal e das Axudas de Emerxencia Social; 150.000 euros serán para o programa de canguraxe, e 150.000 euros máis para programas de acompañamento de maiores.
Destínanse tamén 250.000 euros para promover políticas de inserción laboral con incentivos de 2.500 euros para a contratación de persoas desempregadas.
Eixe económico:
Destínanse 4.000.000 de euros, cun máximo de 2.000 euros por solicitante (autónomas/os e micropemes), para axudas directas para o pago da Seguridade Social, cotas empresariais e alugueiros.
Plan de incentivos ao consumo (985.000 euros):
Bono 10 para o pequeno comercio: Descontos de 10 euros por cada 30 de compra ata un máximo de 30 euros por persoa. 400.000 euros
Bono hostalaría: Desconto do 40% desde 10 de euros de consumo ata un máximo de 15 euros por persoa. 200.000 euros.
Bono salóns de peiteado e estética: Descontos do 30% desde 20 euros de compra ata un máximo de 20 euros por persoa. 100.000 euros.
Bono Mobilidade (Taxi): Descontos do 30% desde 6 euros de compra. Máximo 10 euros por persoa. 50.000 euros.
Bono Cultura: Descontos do 30% desde 10 euros de compra. Ata 60 euros por persoa. 235.000 euros.
Así, o orzamento total nos plans de bonos chega aos 985.000 euros. Cada persoa poderá dispoñer dun máximo de 135 euros.
Os bonos terán validez desde o 1 de setembro ata o fin de novembro, escollendo dita data de comercio para non solaparse con outras campañas de promoción do comercio que están a levar a cabo outras Administracións.
Eixe cultural:
No plano cultural destínanse 120.000 euros ao programa de bolsas para a creación artística, e haberá unha programación especial de actividades culturais que afrontará o IMCE. A estas liñas hai que sumar o citado bono cultural que se poderá gastar en todas as industrias culturais da cidade.
Ademais, destínanse 50.000 euros a itinerarios formativos que fomenten o emprego.
Finalmente, o Presco inclúe tamén 30.000 euros para manter actualizado o mapping de locais comerciais en alugueiro, 50.000 euros para a creación do Consello Económico e Social, órgano interlocutor entre o Concello e os axentes económicos e sociais.
“Co novo plan, o investimento total do Concello da Coruña na reactivación económica e no escudo social achégase aos 20 millóns de euros entre o 2020 e o 2021, un dos maiores investimentos públicos na historia deste Concello”, destacou José Manuel Lage Tuñas. “Inés Rey pediunos un esforzo especial para axudar ás persoas que máis están a padecer os efectos da pandemia e o estamos a cumprir”, indicou.
O plan de bonos, indicou, supón un incremento da aportación municipal por persoa con respecto ao do ano pasado, chegando ata os 135 euros por usuaria/o.
Ademais, ata 2.000 autónomas/os e micropemes poderanse beneficiar das axudas directas de 2.000 euros, que serán compatibles coas axudas á contratación de desempregadas/os que agora se pagarán practicamente ao 100% só cunha declaración responsable, aforrando trámites ás e aos solicitantes.
Por outra banda, os grupos acordaron tamén incrementar en máis de 2 millóns de euros as contías destinadas aos convenios nominativos con entidades sociais, culturais e deportivas da cidade.