Friday 22 de November de 2024

O Día do Deporte na cidade celebrarase este domingo nos barrios


O evento, anteriormente chamado Día do Deporte na Rúa, converterá A Coruña nun grande escenario ao aire libre, en que se poderán practicar máis de 60 disciplinas deportivas en nove zonas

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá o Día do Deporte na cidade, en que A Coruña será este domingo unha gran praza pública para a práctica deportiva. Nesta edición, o evento
descentralizarase en nove zonas de actividades distintas que servirán de escaparate do deporte para toda a cidadanía e nas que se seguirán estritas medidas de seguridade: “Seguimos nas habituais localizacións céntricas, pero saímos a maiores a outros puntos para propiciar un maior número de espazos de cara o disfrute e mais para aliviar a concentración de participantes”.

Coñecido anteriormente como o Día do Deporte na Rúa, o Concello recupera este evento co fin de fomentar a práctica, neste caso, de máis de 60 especialidades. O Goberno de Inés Rey entende que citas como esta son unha aposta pola cultura do deporte para todas e todos: “Queremos agradecer desde a concellería a implicación das 76 entidades deportivas ou empresas que participarán na xornada”, sinalou a edila, que tamén destacou a achega decisiva de Carrefour, Desarrolla e Coca Cola como patrocinadores e a participación de Cruz Vermella, Protección civil e das/os voluntarias/os de distintas concellarías.

Por outra parte, Martínez recordou as palabras da alcaldesa, na súa declaración sobre o Día do Deporte na cidade, en que manifestou que “queremos que toda A Coruña participe desta festa, que mantén a esencia do fomento da práctica da actividade física de forma lúdica e divertida e a filosofía do deporte para todos e todas”. No acto tamén estivo presente Hugo Rodríguez, director do centro Carrefour dos Rosais.

A xornada festiva desenvolverase das 11.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas na Cidade Deportiva A Torre-Arsenio Iglesias, Pista de Durmideiras, Pista de Petanca Santo Amaro, os Xardíns de Méndez Núñez, Cidade Deportiva de Riazor, a Casa da Auga, a praza de San Pablo, a praza de Tabacos e a praia de Oza. A concelleira apuntou que a cada inscrita/o se lle entregará un “Carné do Deportista”
que se irá selando en cada un dos nove puntos de actividades se a/o participante supera a actividade nun tempo prudencial e con respecto ás normas establecidas polo organizador en cada punto. Para fomentar a participación en todas as zonas e actividades, e non só nas que tradicionalmente se contan como maioritarias,  algunhas actividades valerán dous selos. Ao completarse a primeira fila con tres
selos, cada participante recibirá unha camiseta e poderá participar nun sorteo de agasallos. Por cada fila completada, poderá optar a un novo sorteo con mellores agasallos. O resultado do sorteo publicarase na web municipal de Deportes www.coruna.gal/deportes e comunicarase telefonicamente ás galardoadas e
galardoados. Os premios que non sexan recollidos antes de 30 días naturais serán doados a algunha entidade benéfica da cidade.

Cada espazo de actividade terá un punto de acceso para o control da capacidade e para efectuar o protocolo COVID con control de temperatura e hixiene de mans.

Tamén contará cun equipo Covid e os espazos de maior dimensión terán un punto de saída diferenciado para favorecer circulacións fluídas.