O Cantón da Leña dará cabida no 3 de xullo a un mercado de artesanía local xuvenil, en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas. Esta proposta nace da man dun grupo de mozas e mozos do municipio e conta coa colaboración do Concello, que se encarga da loxística.
O concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), manifestou o apoio por parte da Administración local a este tipo de iniciativas. Tal e como anunciou, este mercado constitúe a primeira das actividades que se desenvolverán durante a tempada estival no ámbito xuvenil coa aspiración de que sexan unha constante ao longo do tempo. Preténdese así tamén contribuír á posta en valor do talento da xente nova da localidade.
Doutra banda, en representación da mocidade que impulsa este evento, Raquel Vilas e Miguel Boo expresaron o seu agradecemento ao Concello e afondaron no contido da acción que se presentou. Entre os obxectivos figuran apoiar e buscar novas saídas aos proxectos xuvenís existentes na zona, así como darlles saída ás creacións das persoas que decidan participar neste mercado de artesanía.
Polo momento, hai anotados catro postos que ofrecerán pezas elaboradas con diversas técnicas artesanais: dende resina epoxi a fío encerado e macramé. Todas aquelas mozas e mozos que desexen sumarse dispoñen ata o día 1 de xullo para se inscribiren mediante o enderezo electrónico mocidade@apobra.gal. As prazas son limitadas.