Friday 22 de November de 2024

Trenor agradeceu o esforzo conxunto do profesorado, alumnos e familias para manter a presencialidade nas aulas en entornos seguros durante a pandemia


― O delegado da Xunta participou no acto de clausura do curso escolar no CEIP Maciñeira de Neda

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou no acto de peche do curso escolar no Ceip Maciñeira de Neda no que puxo en valor o excelente traballo realizado polas direccións dos centros educativos e polo profesorado que permitiu que “máis aló da súa función educativa, levaron a cabo un importantísimo traballo de organización apoiando ao alumnado nunha situación difícil e comprometida”. Ademais, destacou o exemplo que deron os alumnos, que malia a súa idade cumpriron as normas e seguiron esforzándose día a día nas aulas.

O representante do Goberno galego subliñou que froito de todo este esforzo conxunto, no que tamén xogaron un papel fundamental as familias, logrouse que os centros fosen uns lugares seguros e logrouse manter os máximos estándares de calidade no ensino e unha presencialidade case total nas aulas galegas.

Trenor resaltou que non foi unha tarefa fácil e o esforzo da Xunta foi moi importante en varios ámbitos. O delegado lembrou que se inxectaron 162 millóns de euros adicionais no sistema educativo, se reforzaron os docentes, persoal de limpeza e de comedores, se puxeron en marcha plans específicos para o ensino virtual e ordenadores a disposición dos alumnos que os necesitaron. Ademais, deseñouse un plan de benestar emocional e un plan de atención ao alumnado vulnerable para que ninguén quedase atrás durante a pandemia.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que a Xunta despide este curso traballando xa nos retos que virán no próximo ano. O Goberno galego está elaborando un protocolo de transición que nos permitirá avanzar cara a normalidade para seguir dando pasos mantendo a seguridade sanitaria.

Ademais, a Xunta xa ten comprometida unha iniciativa específica, o Plan Recupera, un plan de choque para garantir os estándares de calidade do sistema educativo do que se beneficiarán 50.000 alumnos, co compromiso xa adquirido de 1.250 docentes.

Trenor tamén lembrou que a Xunta conta co Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica para reforzar un novo modelo de colexios e institutos onde as obras que se leven a cabo teñan unha orientación educativa e estean adaptadas ás novas necesidades académicas, sanitarias e tecnolóxicas.O plan está dotado con 191 millóns de euros de investimento entre 2021 e 2024.

O delegado da Xunta rematou a súa intervención facendo un chamamento ao Goberno central para que fixe a súa postura e comunique, canto antes ás comunidades autónomas, os recursos cos que van a contar para facer fronte ao curso 2021/2022.