Thursday 21 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reunirase o venres coa veciñanza para falar do Parque Eólico “Caaveiro”


O Concello de San Sadurniño fixou para este venres 25 de xuño ás 20.00h. no local social de Naraío a primeira xuntanza para falar dos proxectos eólicos que pretenden implantarse no municipio e, máis concretamente, do P.E. “Caaveiro” que está neste momento en fase de exposición pública e alegacións. No encontro trasladaranse todos os datos dispoñibles sobre o alcance do proxecto e contarase co punto de vista dun experto do Observatorio Eólico de Galicia, co obxectivo de facilitarlle á veciñanza a máxima información sobre unha infraestrutura que, de ir adiante, tería unha alta incidencia no territorio.

Este proxecto, promovido pola empresa italiana ENEL (ENDESA) prevé a instalación de 14 aeroxeradores de grandes dimensións en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. Cinco deles, os de maior tamaño, ergueríanse ata os case 200 metros de altura na zona de Naraío e no límite sur da parroquia de San Sadurniño.

O proxecto -que afecta tamén á Capela e As Pontes- sitúa dous muíños a uns 600 metros de núcleos habitados, mentres que os outros aparecen sobre o plano a escasos 300 metros de vivendas, como ocorre cos dous deseñados para o entorno da Penamoura e o referenciado preto do lugar das Cancelas. O proxecto técnico recolle ademais outras actuacións con repercusións para a a paisaxe, o patrimonio, as propiedades e as infraestruturas locais, como son a execución dos accesos ao parque, liñas de evacuación, ocupacións temporais de terreos ou a modificación de pistas e estradas para carretar materiais durante as obras.

“É moita información, son moitas cousas as que hai que mirar con detemento para ver como nos afectaría este parque eólico, mentres que o prazo para alegar é moi escaso. Por iso é tan importante achegar neste momento toda a información posible sobre o proxecto en si, sobre como operan as empresa eléctricas e sobre os dereitos que nos amparan”, explica Secundino García.

Por este motivo, o Concello solicitou a colaboración do Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade de carácter técnico e independente integrada pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto que leva anos asesorando a concellos, asociacións e particulares en relación co despregamento de parques eólicos.

Un dos seus expertos acudirá á reunión para explicar como se están tramitando os parques da zona sobre os que existen proxectos publicados e, máis en detalle, o contido do P.E. Caaveiro en canto a dimensións, equipamento e afeccións. Ademais, tamén comentará as estratexias empregadas polas eléctricas para axilizar o proceso de implantación cos menores custes posibles en termos económicos e de contestación social.

Neste sentido, desde o Concello e desde o propio Observatorio recoméndase non asinar ningún contrato de alugueiro ou venda de terreos sen o debido asesoramento e tamén se aconsella que, se finalmente o parque vai adiante, a negociación se leve a cabo de maneira colectiva.

A xuntanza está fixada para este venres 25 de xuño ás 20.00h no local social de Naraío -ao pé do campo de fútbol da Veiga-. Se se excedese o aforo do local -recoméndase que por cada familia ou domicilio só acuda unha persoa-, a reunión faríase ao aire libre. Tamén se aconsella ler esta guía publicada polo propio Observatorio Eólico de Galicia, onde se explican moitas das cuestións xerais das que se vai falar no encontro.

A convocatoria ten por finalidade informar e analizar coa veciñanza o proxecto do Parque Eólico Caaveiro, o primeiro que está en fase de exposición pública. Porén, cabe a posibilidade de que en próximas datas vaian abríndose novos prazos de alegacións doutros parques que tamén incidirían en maior ou menor medida no territorio municipal. O Concello tamén organizaría para daquela xuntanzas informativas nas zonas máis directamente afectadas.

Os outros proxectos que hai publicados en internet -sen prazos de alegación polo momento- son o do parque Nordés -promovido por Greenalia Wind Power- e o do Parque Eólico Carbeira, da portuguesa EDP Renováveis, que tocan en ambos casos os concellos de Valdoviño, San Sadurniño (a zona de Bardaos), Cerdido e Moeche. Outros que están publicados e en fase de alegacións son o P.E. Tesouro (A Capela e As Pontes, ENEL) e o P.E. Pena do Corvo (Monfero, Iberdrola) e prevese que á volta duns días tamén saia á luz o proxecto completo e a apertura do prazo de exposición pública do Parque Eólico Moeche, tamén de ENEL, como parte dun macrocomplexo de seis parques independentes promovidos por esta empresa e distribuídos en 50 quilómetros á redonda das Pontes.