Thursday 21 de November de 2024

Cariño abre o prazo de inscrición para os seus campamentos urbanos de conciliación no verán


• Está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e o 28 de xuño ás 14 horas é o último día para anotarse.

• O programa desenvolverase entre o 5 de xullo e o 27 de agosto de 9:30 a 14:30 horas no CEIP Manuel Fraga Iribarne.

O Concello de Cariño acaba de abrir o prazo de inscrición para participar nos seus campamentos urbanos de conciliación para a época de vacacións de verán dos escolares. As familias interesadas en participar poden anotarse ata o 28 de xuño, de 9 a 14 horas, na casa do concello e sempre solicitando cita previa no 981 405 064.

Esta actividade, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, desenvolverase entre o 5 de xullo e o 27 de agosto de 9:30 a 14:30 horas no CEIP Manuel Fraga Iribarne co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. As prazas están limitadas a 30 participantes, divididos en tres grupos segundo as idades, sendo asignados por rigorosa orde de inscrición.

O custo por asistente e semana é de 20 euros, podendo obter unha redución na cota pola inscrición de irmáns ou irmás. Na páxina web municipal www.concellodecarino.gal pode atoparse toda a información e tamén é posible descargar a instancia para presentar en formato editable.