San Sadurniño aposta porque se reforce, ademais da industria, o sector agrogandeiro e forestal
O anunciado peche da central térmica das Pontes tivo e está a ter unha importante repercusión sobre o emprego e o desenvolvemento económico da comarca. Quen primeiro o notou foi o transporte do carbón, logo as auxiliares -ENDESA asegura que non poderá manter o emprego máis aló dunhas semanas- e, en paralelo, tamén o cadro de persoal asociado á central. Neste contexto, que lle afecta en maior ou menor medida á práctica totalidade do norte da provincia e a outras zonas de produción enerxética do Estado, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico puxo en marcha a Estratexia de Transición Xusta, que pretende achegar financiamento para a posta en marcha de novos proxectos que compensen a incidencia do peche de centrais e minas. A estratexia materializarase por medio dos chamados Convenios de Transición Xusta cos que se inxectarán fondos adaptados ás necesidades de cada comarca e dirixidos especificamente a aqueles proxectos que teñan potencial de cara ao futuro. A elaboración dos convenios iníciase cun proceso participativo partindo dunha análise socioeconómica do territorio que identifica as debilidades e as ameazas, pero tamén as fortalezas e oportunidades. Todas -as que considerou o equipo redactor- están recollidas nun documento que ten aberto até o 4 de xullo o prazo de achegas por parte de concellos, empresas e colectivos. Nas ligazóns que hai máis abaixo pode descargarse o borrador do informe de diagnose do territorio e tamén o formulario que se lle deberá remitir ao ministerio con todas aquelas propostas sobre o documento que se estimen oportunas.
O Concello de San Sadurniño está incluído no ámbito xeográfico do futuro convenio e, por esa razón, está preparando a súa propia batería de contribucións ao traballo de diagnose. Nel descríbese e cuantifícanse as repercusións sobre o emprego directo -o da propia Endesa- e ao respecto do que deixará de percibir en impostos o consistorio pontés, que recada por esta vía case o 40% do seu orzamento.
Ademais tamén se fala do peso importante do sector servizos na comarca -o 62% do emprego e o 52% do total de empresas- seguido do sector primario -o 32% do número total de empresas- e do feito da acelerada perda de poboación -case 20.000 habitantes menos en dúas décadas- especialmente nos municipios máis pequenos.
Porén, o documento non cuantifica de que maneira estaba contribuíndo o funcionamento da central ao sostemento socioeconómico de toda a comarca ou, dito doutra maneira, de que forma lle afectará o seu peche a todos os municipios do ámbito xeográfico do convenio (As Pontes, A Capela, Xermade, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Vilalba, Cabanas, Ortigueira e Muras).
Ademais, o diagnóstico fía a maior parte das oportunidades de futuro á “reconversión industrial no sector das enerxías renovables e sostibles” ou á “implantación de proxectos respectuosos co medio ambiente baseados na xeración de enerxía renovable (eólicos, hidráulicos, solares, biogas…)”. Tamén menciona como oportunidade “o turismo cultural e recreativo”. Sen embargo, no listado non se mencionan nin o potencial agrogandeiro da zona nin tampouco as posibilidades de futuro que podería ofrecer, entre outros, un desenvolvemento ordenado da produción forestal, malia tratarse en ambos casos de actividades económicas estratéxicas en toda a comarca.
Estas dúas últimas oportunidades -ademais da aposta pola produción de produtos de calidade e transformados de alto valor engadido- son só algunhas das contribucións que o Concello de San Sadurniño quere que se incorporen ao informe de diagnóstico. “O documento que agora está en período de exposición é só un borrador que se ten que enriquecer coas achegas que poidamos facer os concellos, as empresas e as asociacións e colectivos da comarca. Por iso é moi importante lelo con detemento e ir anotando as cousas que consideramos que faltan por analizar ou por incorporar como unha oportunidade de futuro que debe ser apoiada polos fondos do Convenio de Transición Xusta das Pontes, que se destinarán a proxectos nas Pontes pero tamén nos demais concellos da zona”, explica Secundino García.
O Instituto para a Transición Xusta (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) ten aberto o período de participación pública para a elaboración do convenio referido á área das Pontes, empezando polas contribucións que as Administracións, empresas e colectivos poidan facer ao borrador do informe de “Delimitación, Caracterización e Diagnóstico inicial”.
As propostas que se poden presentar refírense ao documento en si -parámetros avaliados, cousas que faltan, etc.- pero tamén a proxectos que se considera interesante apoiar atraendo investimentos públicos ou privados, sempre e cando sexan xeradores de emprego e sostibles desde o punto de vista social e ambiental. Todas esas ideas e melloras do documento inicial deben presentarse cubrindo o cuestionario deseñado polo ministerio, que funciona ao mesmo tempo como unha enquisa e como ferramenta de recollida de datos que despois, trala súa análise, servirán para definir a estratexia de apoio -tamén económico- a aquelas iniciativas que encaixen nas liñas mestras do Convenio.
Unha vez cuberto, o cuestionario debe remitirse por correo ao enderezo Convenios_Transicion_Justa@tragsa.es antes do vindeiro 4 de xullo.