Saturday 16 de November de 2024

Galicia participou na elección dos líderes do Comité das Rexións europeos no inicio do seu novo mandato de cinco anos


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu ao pleno inaugural do sexto mandato da institución no que foi reelixido portavoz na comisión CIVEX

O Comité das Rexións (CdR) celebrou unha sesión plenaria constitutiva na que renovou o seu mandato para os próximos cinco anos (2015-2020). Neste pleno congregáronse os novos membros por primeira vez e elixiuse ao novo presidente e vicepresidente primeiro.

Neste novo mandato, Galicia participa en dúas das seis comisións do Comité das Rexións: na comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Recursos Naturais (NAT). A comisión CIVEX encárgase de temas como o espazo de liberdade e xustiza, cidadanía activa, asuntos constitucionais ou a política de inmigración e relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido como portavoz desta comisión para este novo mandato do CdR , que rematará en 2020.

Pola súa banda, a NAT ocúpase de competencias tan importantes para Galicia como o desenvolvemento rural, a Política Agraria Común (PAC), a pesca, a política marítima ou o turismo, entre outros. No seo das comisións do CdR, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal gaña peso en Europa ó ter sido elixido presidente de NAT o portugués José Luis Carneiro, presidente da Cámara Municipal do concello de Baiao, ó norte de Portugal, e membro da Eurorrexión.

No encontro tamén se procedeu a elección do presidente e do vicepresidente do Comité das Rexións para este novo mandato. A presidencia recaeu no finlandés Markku Markkula, concelleiro e presidente da Comisión de Urbanismo de Espoo (Finlandia); e a vicepresidencia primeira no belga Karl-Heinz Lambertz, presidente do Parlamento da Comunidade Xermanófona de Bélxica. Ademais do presidente, os membros nomearon aos 28 vicepresidentes elixidos polas delegacións nacionais e aos membros do órgano de goberno do CdR, que forman a chamada Mesa do Comité das Rexións.

Nesta sesión inaugural do novo mandato do CdR tamén participou o vicepresidente primeiro da Comisión Europea, Frans Timmermans, que debateu cos membros do CdR o modo de impulsar unha mellor cooperación entre as institucións e expuxo as prioridades de traballo da Comisión para o ano 2015. Entre estas destacou o Plan de Investimento para Europa, a promoción do mercado dixital, a eliminación das barreiras burocráticas, o impulso da transparencia e a profundización na Unión Económica e Monetaria. Timmermans destacou que a nova Comisión quere “pensar en grande nas cousas grandes e en pequeno nas cousas pequenas”, facendo unha escolla exhaustiva das prioridades políticas de traballo.

Antes de pasar a debater os oito ditames aprobados durante este pleno, discutiuse a resolución sobre o programa de traballo da Comisión Europea para 2015 no que o CdR apoia a Comisión en varios aspectos como a loita contra o desemprego e contra a evasión e o fraude fiscal, o aumento da transparencia, especialmente respecto á Asociación Transatlántica de Comercio e a Inversión (ATCI), e a política europea en materia de migración que protexa as fronteiras da UE.

A comunidade galega xunto á delegación española apoiou varias emendas feitas a este programa de traballo da Comisión. Entre elas destaca a que insiste en que durante 2015 se teñan en conta os desafíos demográficos aos que deben facer fronte algunhas rexións europeas, entre elas Galicia.

Outras das emendas apoiadas foron en referencia á ATCI. Ao respecto da situación das pemes, pediuse que no contexto do tratado se lles ofreza unha maior protección legal e un reforzo da súa propiedade intelectual. No que afecta á agricultura, as emendas centráronse en pedir que se garantan uns estándares para prever situacións de competencia desleal.

A Delegación española no Comité das Rexións
A delegación española no CdR componse de 21 membros, entre eles 15 presidentes autonómicos, 2 conselleiros autonómicos e 4 alcaldes, así como de 21 membros suplentes. A delegación -proposta polo Goberno e aprobada polo Consello da UE- defende os intereses das cidades e rexións españolas ante a UE.

Con respecto ás comisións do CdR, Galicia estará acompañada na comisión CIVEX por Cantabria, Cataluña, Murcia, País Vasco, Asturias e o Concello de Valencia e compartirá a comisión NAT con Baleares, A Rioxa, Andalucía, Estremadura, Murcia e Canarias.

Estes membros súmanse ao resto de delegacións nacionais formando un total de 350 membros, que se reúnen en sesións plenarias en Bruxelas ata seis veces ao ano para debater as prioridades políticas e aprobar ditames sobre a lexislación da UE.

O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.