Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Deputación da Coruña presentan en Málaga a ruta Picasso


A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o novo produto turístico supón “un paso máis na difusión da obra e vida do artista na Coruña, o seu paso pola cidade deixou pegada en varios espazos como o a súa casa, o Eusebio da Guarda, o Teatro Rosalía ou a Torre de Hércules”

O Concello da Coruña e a Deputación participan hoxe e mañá na feira CM Málaga para promocionar o turismo cultural na cidade e na provincia. Nesta xornada presentouse no evento un novo produto sobre a figura de Pablo Picasso, a ruta Picasso. A alcaldesa, Inés Rey, viaxou xunto ao vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, para asistiren ao evento en que se abordará o atractivo cultural da Coruña en base a novidades como esta ruta turística, que segundo Rey, supón un paso máis na difusión da obra e vida de Pablo Picasso na Coruña. “O seu paso pola cidade deixou pegada en varios espazos, arquitectónicos como a súa casa, o Eusebio da Guarda, o Teatro Rosalía de Castro ou a Torre de Hércules; e físicos, como as praias de Riazor e Orzán ou o parque de Santa Margarida”, indicou Rey.

A Ruta Picassiana ofrece, a través dun código QR que as e os visitantes atoparán en placas nas fachadas de cada unha das localizacións do percorrido, información adaptada para ler no smartphone e audioguías sobre cada un dos espazos explicados desde a perspectiva de Pablo Picasso. No portal web de Turismo de Coruña, https://rutapicassiana.turismocoruna.com/, tamén se pode atopar o folleto dixital do percorrido.

Picasso viu a súa primeira luz en Málaga, pero é na Coruña onde nace o pintor. A rexedora agarda que a nova ruta achegue a figura de Picasso durante o seu paso pola Coruña tanto ás e aos coruñeses como ás persoas que visiten a cidade.

 

Rey destacou o vínculo “picassiano” que Málaga e A Coruña gardan, irmás desde o ano 2013 na memoria de Pablo Picasso, e apuntou que “ambas as cidades son as únicas que conservan en forma de museo unha vivenda onde residiu o artista malagueño”.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, apuntou que “nunha cidade como Málaga e nun proxecto coma este dedicado a museos e centros de arte e o seu impacto nas cidades consideramos de especial interese que estivese presente o Concello da Coruña, para presentar os novos produtos turísticos relacionados co artista e tamén para poñer en conexión as dúas cidades unidas pola presenza biográfica do artista”.

Ademais da participación no Elevator-Forum e no Congreso, a área de Turismo da Deputación da Coruña ten un stand no Palacio de Ferias y Congresos de Málaga onde se está a celebrar o CM Málaga.

Regueira destacou que o interese que desperta a Ruta Picasso na CM Málaga responde a “unha relación natural de aproveitamento de sinerxias entre dúas cidades que están marcadas na biografía dun artista mundial que naceu en Málaga e pasou a súa infancia na Coruña, onde realiza a súa primeira exposición”. Desta maneira, Regueira insiste en que, “cando a Deputación da Coruña foi convidada a participar neste evento centrado na transformación das cidades a través dos museos non tivemos dúbida en implicar ao Concello da Coruña para difundir non sóa dimensión dos seus centros museísticos senón tamén a presenza de Picasso como recurso turístico de futuro”.

“Consideramos desde o primeiro momento que tratar de tender unha ponte con Picasso de fondo entre dúas cidades, Málaga e A Coruña, a primeira un balcón sobre o Mediterráneo e a segunda sobre o Atlántico, a primeira onde nace o sol e a segunda onde morre, podería ser interesante para proxectar a cultura das propias cidades e, tamén, a totalidade da cultura do territorio das provincias”, explica Xosé
Regueira que mantén durante estes días distintos encontros co obxectivo de promocionar distintos recursos de turismo cultural da Coruña.

Promocionar os destinos culturais da cidade e da provincia é o obxectivo da presenza do Concello e da Deputación da Coruña na primeira edición da CM Málaga, un evento que afonda na transformación dixital de museos e centros de arte en relación coa sustentabilidade e xestión de recursos, con especial atención á recuperación do sector turístico.

Inés Rey participará mañá nunha mesa de debate sobre a dimensión turísticocultural nas novas urbes. A rexedora presentará e defenderá o turismo cultural como “unha grande oportunidade para achegar a singularidade e identidade da Coruñaconvidando a descubrir un destino de gran riqueza patrimonial e unha variada oferta cultural nun espazo facilmente transitable a pé e que conta con interesantes infraestruturas turística de calidade para acoller un turismo experiencial que apela aos cinco sentidos”.