Friday 22 de November de 2024

O Concello habilitará un dispositivo especial para velar pola seguridade da veciñanza na noite de San Xoán


Policía Local, Bombeiros e Policía Nacional traballarán de forma coordinada para evitaren que se produzan incidentes tanto nas praias, cuxo acceso se pechará ás 21.00 horas, coma nos barrios

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, informou hoxe de que neste segundo San Xoán sen fogueiras na praia, haberá un dispositivo especial coordinado entre a Policía Local e Bombeiros, xunto á Policía Nacional co fin de velar pola seguridade da veciñanza nun ano en que a festividade se celebrará nos barrios. Deste xeito, evitaranse os amoreamentos de persoas e o San Xoán festexarase en grupos pequenos nas distintas zonas da cidade para que o Goberno de Inés Rey formulará distintas actividades de ocio. O edil recordou que está activado un procedemento para que as/os particulares e mais as/os propietarias/os de hostalaría soliciten a través do rexistro municipal o permiso para realizaren sardiñadas ou churrascadas: “Levamos 379 peticións este ano, pero
aínda quedan dous días de prazo”.

Por outra parte, sinalou que ás 21.00 horas se pechará o acceso aos areais por unha cuestión de seguridade e que se levará a cabo unha vixilancia especial, cun dispositivo nas praias, que reforzará o formado polas e polos axentes e bombeiros repartidos polo resto da Coruña. Borrego lembrou que o ano pasado o resultado do San Xoán nos barrios foi fantástico e agarda que o comportamento exemplar da  xente se volva repetir nesta noite do 23.