Friday 22 de November de 2024

A Pobra acollerá unha charla relativa ao acollemento


Ao abeiro dun convenio de colaboración que se vai establecer entre o Concello da Pobra do Caramiñal e a Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO), no día 29 terá lugar a charla Contigo Florece. Xerando Cultura de Acollemento, a cal se enmarca, segundo explicou a edil dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), nun conxunto de propostas cos obxectivos de “facer actividades e programas de atención, formación e difusión sobre o sistema de protección de menores e, concretamente, das familias de acollida”, polo cal animou a veciñanza a asistir para se informar sobre esta medida.

Doutra banda, a presidenta de ACOUGO, Rebeca Pereira, explicou que se busca achegarlle á sociedade a realidade das nenas, nenos e adolescentes en situación de desprotección e, a partir de aí, tratar coas familias acolledoras ou potencialmente acolledoras para ofrece-la preparación, a orientación, o acompañamento e o apoio para dotalas de competencias no manexo das dificultades e necesidades específicas das e dos menores acollidos. Neste senso, fixo fincapé na relevancia de dar a coñece-lo acollemento familiar e en que, no caso do municipio, se materializará inicialmente co mencionado relatorio.

O coloquio está aberto a toda a cidadanía en xeral e transcorrerá no Auditorio do Museo Valle-Inclán, a partir das 20.00 horas. Seguiranse as medidas establecidas por mor da COVID-19, polo cal resulta preciso anotarse previamente a través do teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 1, ou no enderezo electrónico servizos.sociais@apobra.gal.