Saturday 16 de November de 2024

Trinta veciños e veciñas de Frades retoman a peregrinación pola Vía da Prata e cobren os 16,2 km entre A Laxe e Bandeira


A penúltima etapa, Bandeira-Outeiro, terá lugar o sábado 4 de setembro

Un total de trinta veciños e veciñas de Frades botáronse onte domingo ao Camiño de Santiago para percorrer 16,2 quilómetros da Vía da Prata, concretamente entre as localidades de A Laxe (Lalín) e Bandeira (Silleda). Unha iniciativa comezada a finais do ano 2019 pero que foi interrompida primeiro en marzo de 2020 polo confinamento e despois en novembro debido ás restricións da pandemia.

Os trinta veciños e veciñas fixeron fronte a un tempo bastante inestable e chuvioso dende o primeiro momento, cando ás 9:00 horas saíron de Frades cara Lalín ben pertrechados e coas súas correspondentes máscaras durante a viaxe en autobús. Durante a viaxe, as persoas asistentes tamén decidiron que a penúltima etapa, os 16 quilómetros que separan Bandeira (Silleda) do Outeiro (Vedra), sexan afrontados o vindeiro sábado 4 de setembro.

As persoas que desexen participar poderán anotarse ata esa mesma semana no Concello de Frades ou chamando aos teléfonos 981 695 567 ou 981 695 663. O prezo mantense nos 10 euros por persoa.