Facilitarán a recollida de pilas, lámpadas, baterías usadas, cartuchos de tinta, CDs e pequenos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos
O Concello de Brión vén de instalar dous minipuntos limpos no municipio, emprazados no parque municipal de Brión e na avenida Vicente Ramos (Os Ánxeles). Dous depósitos nos que os veciños e veciñas do municipio poderán depositar ata sete modalidades de residuos tales como pilas e baterías usadas, teléfonos móbiles, CDs e DVDs, lámpadas de baixo consumo, cartuchos de tinta de impresora e pequenos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos que leven pilas ou se enchufen á corrente (RAEE).
A instalación destes dous minipuntos limpos é froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Brión e a firma Blipvert, sen custe para as arcas municipais. O primeiro deles está emprazado na entrada do parque municipal de Brión, fronte ao campo municipal de fútbol; mentres que o segundo está na avenida Vicente Ramos, á altura da estación de servizo e onde tamén están colocados contedores de recollida selectiva de aceite de cociña usado ou de roupa usada.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, apunta que “con esta iniciativa buscamos facilitarlle aos veciños uns lugares onde depositar estes residuos ata que poidamos desenvolver a construción dun punto limpo en conxunto con Ames. Ademais, estes minipuntos veñen complementar a rede de recollida selectiva xa existente en Brión”.