A OMIC ofrecerá nos seus obradoiros un xogo interactivo co que pretende fomentar unha utilización correcta das redes sociais e mais un manual para lles concienciar ás lectoras e aos lectores sobre os hábitos de consumo
A OMIC empregará como material didáctico dentro dos seus obradoiros un novo xogo interactivo co que pretende fomentar o bo uso da internet e das redes sociais entre as xeracións máis mozas e un manual en que promoverá a alimentación saudable. A concelleira de Comercio, Mercado, Consumo e Barrios, Diana Cabanas, destaca que ambas as novidades formarán parte dos diferentes programas educativos co fin de atender mellor as necesidades do alumnado e facilitarlle a súa aprendizaxe con actividades prácticas que invitan á reflexión. Unha das premisas deste Concello canto á xente máis nova é precisamente informarlle sobre cuestións que lle atañen no seu día a día como o consumo responsable das novas tecnoloxías ou a alimentación nas idades máis temperás.
Xogo interactivo
En concreto, este proxecto interactivo permitirá que a mocidade resolva misións en equipo e sociabilice nunha forma de aprender e se divertir ao mesmo tempo. Dun xeito motivador, as personaxes daranlles ás xogadoras e xogadores unha serie de pautas sobre o bo uso da internet e das redes sociais e tras rematar, farase unha análise dos resultados. O xogo está dispoñible en galego e castelán na web https://estaticos.coruna.gal/omic-juego
Canto ao manual, esta publicación que se usará en obradoiros e itinerarios formativos recolle información referida aos dereitos e deberes das persoas consumidoras na alimentación saudable e na nutrición. Está dirixida ás mozas e mozos de entre os 12 e 16 anos para que coñezan cuestións como as necesidades e problemas nutricionais máis habituais, os riscos dunha mala alimentación, os diferentes tipos de alimentos, vantaxes do comercio de proximidade na alimentación saudable, ou publicidade e falsos mitos.
Con máis de 35 actividades prácticas e a través de ilustracións e imaxes, as lectoras e lectores disporán de recursos suficientes como para recoñeceren hábitos de vida saudables e isto servirá para que sexan máis críticas/os e reflexivas/os con respecto ao que comen ou mercan.
A OMIC repartirá 1.000 unidades deste manual entre a mocidade, que tamén está dispoñible en soporte dixital en galego e castellano.
Así mesmo, a OMIC elaborou un cartafol para o profesorado que inclúe os obxectivos educativos, a metodoloxía e as respostas aos exercicios detallados no manual co obxecto de que se divulguen nos colexios os bos hábitos de consumo na alimentación.