― A directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, clausurou a primeira de edición para empresas do curso de especialización en financiamento comunitario da Fundación Galicia Europa
― Ao longo de cinco sesións os asistentes puideron profundar no Marco Financeiro Plurianual 2021-2027, no novo instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE” e nas políticas comunitarias máis relevantes para eles, como a Estratexia europea para pemes
Fundación Galicia Europa (FGE) clausurou hoxe a última das cinco sesión que compuxeron a 13ª edición do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa destinado, por primeira vez, a entidades privadas galegas, como empresas, clústeres, cámaras de comercio ou entidades de apoio empresarial.
Durante o acto de clausura, a directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, estivo acompañada do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e puxo en valor, ante o máis de medio cento de entidades participantes esta formación, de cara a axudar ás empresas galegas a coñecer e identificar as oportunidades e vías de financiamento a nivel europeo.
Ademais de profundar, da man de especialistas e de representantes da Comisión Europea, nos detalles do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027, do novo instrumento temporal de recuperación Next Generation UE e das políticas máis interesantes a nivel empresarial, como a Estratexia europea para pemes, os asistentes recibiron información sobre o programa de apoio á innovación das pemes, da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e sobre as liñas de apoio ás empresas, do Instituto Galego de promoción Económica (IGAPE).
Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de 13 edicións á formación de máis de 440 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.