Thursday 21 de November de 2024

A piques de comeza-la talla de piñeiros en dúas parcelas propiedade do Concello


No lugar de Cabío procederase a partir da próxima semana cunha acción relativa ao aproveitamento madeireiro. Esta intervención suporá a talla de piñeiros en dúas parcelas propiedade do Concello, próximas ao cámping, que afectará unha superficie total de 28712 metros cadrados. Posteriormente, disponse dun prazo de dous anos para efectua-la reforestación con especies frondosas autóctonas. Dáselle así resposta ao requirimento presentado pola Consellaría do Medio Rural. Así o expuxeron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra); e a súa homóloga do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra).

Trátase dunha acción ao abeiro da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, así como da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a cal obriga a non ter eucaliptos nin piñeiros nunha franxa de 50 metros arredor de edificacións destinadas a cámpings, distancia que se calcula dende o peche perimetral das instalacións. Cóntase coa autorización da Consellaría do Medio Rural e de Costas, ao situárense os terreos preto do dominio público marítimo-terrestre.

A maiores, con este procedemento, búscase garanti-la seguridade das persoas e dos bens debido ao estado de deterioración que presentan as árbores obxecto da talla, ao tempo que se pretende contribuír á recuperación natural e paisaxística da área mediante a plantación de especies autóctonas.