Thursday 21 de November de 2024

Inés Rey inaugura o proxecto de inclusión laboral “Quiosco Down Experience”


A alcaldesa da Coruña apuntou que con este proxecto se traballa pola inclusión, pola visibilización e pola reactivación económica

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, e do presidente de Down Coruña, Ricardo Santos, visitou está maña na praza de Ourense, o novo Quiosco Down Experience. Un proxecto empresarial que abre hoxe a súas portas e que a rexedora cualificou de pioneiro na procura da inclusión laboral das persoas con diversidade funcional. Inés Rey expresou a súa confianza en que sexa posible que máis proxectos como o

Quiosco de Down Experience se fagan realidade en diferentes ámbitos empresariais: “Traballamos pola inclusión, traballamos pola visibilización e traballamos pola reactivación económica e estabilidade laboral con este proxecto”, dixo.

A alcaldesa, moi emocionada, recoñeceu que era un dous días máis felices desde que chegou á alcaldía: “É un orgullo darlle o pistoletazo de saída a este proxecto que me presentaron en campaña durante unha visita á sede de Down Coruña e que eu me comprometín a levar a cabo; hoxe é unha realidade”.

Desde o Programa de impulso á empregabilidade de persoas con síndrome de Down e outras discapacidades, o Concello achega a Down Coruña 30.000 euros para que proxectos como este sexan unha realidade. Con esta iniciativa empresarial, 12 persoas inician un novo reto laboral.

O Concello colabora con distintas entidades co obxectivo de prestar apoio ás persoas traballadoras con diversidade funcional e fomentar a súa inclusión laboral. Este proxecto, dixo, reforza o noso compromiso coas entidades sociais e coas políticas de inclusión laboral.

Rey sinalou que a recuperación deste singular inmoble, tan característico e ideado polo arquitecto Rey Pedreira, é unha boa noticia, “ recuperamos un referente de varias xeracións de coruñesas e coruñeses que degustamos eses famosos bocadillos de luras e que estamos desexando volver a facelo”. E explicou que na reforma se tivo en conta mesmo as cores como o verde da base que lembra ao que inicialmente tiña.

Pola súa banda, o presidente de Down Coruña, Ricardo Santos, sinalou que o proxecto é unha aposta pola integración laboral das persoas con discapacidade e síndrome de Down. E destacou o gran traballo feito polas persoas que van traballar no quiosco. Queremos, dixo, visibilizar que as persoas con síndrome de Down son capaces de promover unha iniciativa empresarial como esta, e resaltou o apoio do Concello ao ceder o local. “Abrimos as portas dun futuro laboral para persoas con diversidade”, dixo.

A cesión deste espazo por parte do Concello únese a outras xa aprobadas como a cesión a ADACECO dunha parcela en Eirís para o centro de rehabilitación para as persoas con parálise; o piso cedido á asociación Asanog, dirixida a mellorar o benestar de nenos e nenas con cancro e das súas familias; ou a recente cesión a Proxecto Home, tamén en Eirís. “O Goberno local destinou en 24 meses máis de 8 millóns de euros a entidades sociais”, apuntou a rexedora.