Saturday 16 de November de 2024

A Xunta convocará un concurso de ideas para definir o Proxecto da Nova Sede do Imelga en Santiago


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego está a elaborar un convenio no marco da colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

― O novo edificio contará cunhas instalacións modernas para acoller a dirección do instituto e a subdirección territorial de Santiago nunha superficie de máis de 3.200 metros cadrados

― A Xunta reservou para este ano 320.000 euros co obxectivo de avanzar na redacción do proxecto no que prevé un investimento de máis de 4,3M€

A Xunta avanza na posta en marcha dunha nova sede do Instituto de Medicina Legal (Imelga) en Santiago de Compostela para que sexa unha realidade no menor tempo posible. Así convocará un concurso de ideas co obxectivo de definir o proxecto e xa se está a elaborar un convenio no marco da colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do concurso de ideas, onde incidiu na importancia de dar resposta con esta nova infraestrutura a unha demanda histórica para que o Imelga conte cunha sede propia de referencia para toda Galicia cunhas instalacións modernas, no mesmo inmoble que acollerá tamén a subdirección territorial do organismo en Santiago de Compostela. De feito, a superficie útil prevista do edificio superará os 3.200 metros cadrados.

Alfonso Rueda destacou o imprescindible papel dos médicos forenses e equipos psicosociais a través de tódalas peritaxes que realizan e que supón un apoio fundamental para o funcionamento da Administración de Xustiza. Ao acto tamén acudiu o xuíz decano de Santiago, Andrés Lago Louro, que valorou de forma positiva este proxecto para que os profesionais forenses teñan un espazo para levar a cabo a súa actividade e co que garantir a protección das vítimas. Ademais, asistiron o director de Xustiza, Juan José Martín, e a directora en funcións do Imelga, Ana Belén Pérez.

A Xunta reservou nos orzamentos deste ano 320.000 euros para dar comezo ao proxecto e poder iniciar a súa construción o antes posible. O investimento total da obra previsto ascende a máis de 4,3 millóns de euros.
O vicepresidente primeiro tamén agradeceu a colaboración do Concello de Santiago coa cesión da parcela na que se situará a nova sede do Imelga, que puxo como exemplo da importancia de cooperar entre administracións polo ben común da cidadanía, coma neste caso coa dotación de novos edificios xudiciais á cidade para continuar a mellorar os servizos da Administración de Xustiza.

O Imelga dispón na actualidade de sete subdireccións nas sete cidades galegas e concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Entre o seu persoal conta con médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios administrativos e auxiliares de autopsias.