― A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda enviou hoxe as alegacións fronte a orde ministerial, co fin de esgotar a vía administrativa e evitar recorrer á última posibilidade, a xudicial
― Ángeles Vázquez lamenta que o Ministerio para a Transición Ecolóxica valore a orde como a única maneira de xestionar o lobo e non sexa capaz de analizar outros camiños para a súa protección, como é o plan de xestión galego
― Sinala que o Goberno central falta á verdade cando afirma que a inclusión non suporá incremento dos seus recursos económicos, pois os danos que cause a especie “serían directamente imputables ao Estado, non ás comunidades”
― Ademais, advirte que, de prosperar esta iniciativa, será a primeira vez que se incorpore á Listaxe un mamífero en base a criterios subxectivos, en vez de ponderar a súa singularidade, rareza ou grao de ameaza
A Xunta de Galicia enviou esta mañá as súas alegacións contra a orde ministerial que prevé incluír o lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Deste xeito, denuncia “a tripla mentira do Goberno central” para xustificar e avanzar no seu propósito.
Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, despois dunha reunión cos seus homólogos das comunidades autónomas de Castela e León, Cantabria e Asturias, que tamén enviarán as súas alegacións na mesma liña; e coas organizacións agrarias nacionais.
Unha vez transcorrido o prazo que lle deron as comunidades lobeiras ao Ministerio para a Transición Ecolóxica co fin de que retirara a orde, a intención é esgotar a vía administrativa e que renuncie ao seu propósito, pois do contrario terán que botar man da última posibilidade: recorrer á vía xudicial.
En canto ao contido das alegacións presentadas, a conselleira indicou que “a primeira mentira do Goberno central é afirmar que a orde que tramita é proporcional e que non existen outras medidas menos restritivas ou que impoñan menos obrigas aos destinatarios”.
Sobre isto, sinalou que existen outras opcións para unha axeitada protección do lobo e a súa compatibilidade coas explotacións gandeiras, como o plan de xestión co que conta a Comunidade galega, que demostrou a súa eficiencia para manter unha poboación estable da especie neste territorio nos últimos anos.
A “segunda mentira” na que se basea a alegación está centrada na afirmación do Ministerio de que a decisión “non suporá o incremento dos recursos económicos dispoñibles pola Administración Xeral do Estado”. Isto, segundo Ángeles Vázquez, “falta á verdade”, pois coa entrada en vigor da orde as comunidades veríanse privadas de empregar determinadas medidas para o control da especie e, polo tanto, non terían que asumir os custes por danos.
“Desde o momento da inclusión, os danos que causen os lobos ás explotacións gandeiras son directamente imputables ao Estado, ao que corresponde valorar economicamente e regular na orde todas as medidas que sexan necesarias para evitalos”, explicou a conselleira.
Primeira inclusión dun mamífero en base a criterios subxectivos
Outro dos motivos que alega Galicia, “a terceira das mentiras”, é que o único fundamento que xustifica a orde é “un ditame do suposto comité científico que se basea en criterios subxectivos”. Este recomenda a inclusión do lobo polo seu valor ecolóxico e cultural, pero sen xustificar a singularidade, rareza ou grao de ameza, que esixe a normativa.
Segundo aclarou Ángeles Vázquez, a falta destes criterios obxectivos tradúcese en que “será a primeira vez que se inclúa na Lesrpe un mamífero en base a opinións subxectivas”. “O propio comité científico recoñece expresamente que para recomendar a inclusión na Listaxe non puido utilizar criterios obxectivos formalizados polo Ministerio, ao non ser aprobados”, sinala.
Así mesmo, a Consellería alega que o Ministerio quere facer ver que a proposta está aprobada polas comunidades autónomas, cando en realidade rexeitou a primeira votación realizada na Comisión Estatal de Patrimonio Natural e se emprazou a unha segunda votación na que oito comunidades, que dan acubillo a máis do 90% das poboacións de lobo, votaron en contra.
Por último, Ángeles Vázquez adiantou que as catro comunidades lobeiras xa están a realizar a súa propia estratexia, que trasladarán ao resto de autonomías, e tamén están a traballar nun censo da especie actualizado e consensuado. Unha forma de xestionar a especie —concluíu a conselleira— que “é a que o Goberno central debería imitar, e non actuar de costas ás comunidades que temos experiencia”.