Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reunirase coa veciñanza o día 25 para falar do Parque Eólico “Caaveiro”


O Concello de San Sadurniño fixou para o próximo venres 25 de xuño ás 20.00h. no local social de Naraío a primeira xuntanza para falar dos proxectos eólicos que pretenden implantarse no municipio e, máis concretamente, do P.E. “Caaveiro” que está neste momento en fase de exposición pública e alegacións. No encontro trasladaranse todos os datos dispoñibles sobre o alcance do proxecto e contarase co punto de vista dun experto do Observatorio Eólico de Galicia, co obxectivo de facilitarlle á veciñanza a máxima información sobre unha infraestrutura que, de ir adiante, tería unha alta incidencia no territorio.

Este proxecto, promovido pola empresa italiana ENEL (ENDESA) prevé a instalación de 14 aeroxeradores de grandes dimensións en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. Cinco deles, os de maior tamaño, ergueríanse ata os case 200 metros de altura na zona de Naraío e no límite sur da parroquia de San Sadurniño.

O proxecto -que afecta tamén á Capela e As Pontes- sitúa dous muíños a uns 600 metros de núcleos habitados, mentres que os outros aparecen sobre o plano a escasos 300 metros de vivendas, como ocorre cos dous deseñados para o entorno da Penamoura e o referenciado preto das Cancelas. O proxecto técnico recolle ademais outras actuacións con repercusións para a a paisaxe, o patrimonio, as propiedades e as infraestruturas locais, como son a execución dos accesos ao parque, liñas de evacuación, ocupacións temporais de terreos ou a modificación de pistas e estradas para carretar materiais durante as obras.

“É moita información, son moitas cousas as que hai que mirar con detemento para ver como nos afectaría este parque eólico, mentres que o prazo para alegar é moi escaso. Por iso é tan importante achegar neste momento toda a información posible sobre o proxecto en si, sobre como operan as empresa eléctricas e sobre os dereitos que nos amparan”, explica Secundino García.

Por este motivo, o Concello solicitou a colaboración do Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade de carácter técnico e independente integrada pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto que leva anos asesorando a concellos, asociacións e particulares en relación co despregamento de parques eólicos.

Un dos seus expertos acudirá á reunión para explicar como se están tramitando os parques da zona sobre os que existen proxectos publicados e, máis en detalle, o contido do P.E. Caaveiro en canto a dimensións, equipamento e afeccións. Ademais, tamén comentará as estratexias empregadas polas eléctricas para axilizar o proceso de implantación cos menores custes posibles en termos económicos e de contestación social. Neste sentido, desde o Concello e desde o propio Observatorio recoméndase non asinar ningún contrato de alugueiro ou venda de terreos sen o debido asesoramento e tamén se aconsella que, se o parque finalmente vai adiante, a negociación se leve a cabo de maneira colectiva.

A xuntanza está fixada para o venres 25 de xuño ás 20.00h no local social de Naraío -ao pé do campo de fútbol da Veiga-. Se se excedese o aforo do local -recoméndase que por cada familia ou domicilio só acuda unha persoa-, a reunión faríase ao aire libre. Tamén se aconsella ler esta guía publicada polo propio Observatorio Eólico de Galicia, onde se explican moitas das cuestións xerais das que se vai falar o próximo venres.

A convocatoria ten por finalidade informar e analizar coa veciñanza o proxecto do Parque Eólico Caaveiro, o primeiro que está en fase de exposición pública. Porén, cabe a posibilidade de que en próximas datas vaian abríndose novos prazos de alegacións doutros parques que tamén incidirían en maior ou menor medida no territorio municipal. Para daquela, o Concello tamén organizaría xuntanzas informativas nas zonas máis directamente afectadas.

Os outros proxectos que hai publicados en internet -sen prazos de alegación polo momento- son o do parque Nordés -promovido por Greenalia Wind Power- e o do Parque Eólico Carbeira, da portuguesa EDP Renováveis, que tocan en ambos casos os concellos de Valdoviño, San Sadurniño (a zona de Bardaos), Cerdido e Moeche. Outros que están publicados e en fase de alegacións son o P.E. Tesouro (A Capela e As Pontes, ENEL) e o P.E. Pena do Corvo (Monfero, Iberdrola) e prevese que á volta duns días tamén saia á luz o proxecto completo e a apertura do prazo de exposición pública do Parque Eólico Moeche, tamén de ENEL, como parte dun macrocomplexo de seis parques independentes distribuídos en 50 quilómetros á redonda das Pontes.