O club deportivo Aldebarán publicou hai escasos días a apertura das inscricións para o campus de volei que ofrecerá durante as mañás do mes de xullo para iniciar neste deporte á rapazada nacida entre o ano 2005 e o 2014. O obxectivo desta iniciativa é continuar ampliando a base do club e, indirectamente, facilitar a conciliación familiar a través da práctica deportiva. A data límite para apuntar a cativería é o 1 de xullo contactando coa entidade no teléfono/whatsapp 638 616 767 ou no correo campusansa@gmail.com. Por outra banda, a nova escola de fútbol Irmandiños -xurdida da unión dos clubes de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas- tamén mantén aberta a convocatoria de cara á próxima temporada “para que as nenas e nenos se formen como deportistas e como persoas”. Pode solicitarse máis información no 669 638 282 -de 17 a 19.00h- ou mandar un correo a efirmandinos@gmail.com.
A escola de fútbol nace con vocación comarcal xuntando os esforzos do CF San Sadurniño, a ADC Moeche, a UD Cebarca de Cerdido e a UD Somozas, con apoio institucional dos catro municipios. Nela agruparanse baixo un mesmo proxecto as categorías de prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís. Da dirección técnica desta nova experiencia encargarase Óscar Blanco, rodeado dun equipo directivo e de adestramento que primará a formación deportiva e persoal da rapazada.
Nunha entrevista publicada na web Fútbol Ferrol, o propio Blanco explicaba que a filosofía da escola é fomentar o traballo para ir alcanzando “mini-obxectivos” que “baixo ningún concepto” estarán supeditados á obtención “dun resultado ou dun título”. Nesta liña, a escola tamén quere asegurar igualdade de oportunidades para todas as nenas e nenos, independentemente das súas aptitudes físicas, tendo en conta que a formación dun ou dunha futbolista é un proceso a longo prazo: “un neno ou unha nena máis alta ou máis forte adoita ter prioridade no xogo respecto a quen ten un físico máis débil. Pero cando sexa xuvenil, se desenvolveu outras cualidades técnicas, quizais isto se iguale e o seu potencial sexa maior, aí está o verdadeiro crecemento”.
A Escola de Fútbol Irmandiños ten abertas as inscricións co obxectivo de empezar con forza a próxima temporada. As familias interesadas poden chamar ao 669 638 282 (en horario de 17.00 a 19.00 h) ou enviar un correo a efirmandinos@gmail.com.
As formacións ata a cadete adestrarán no campo da piscina de San Sadurniño, mentres que en xuvenís utilizaranse as instalacións das Somozas. Os equipos rotarán durante a competición ligueira polos campos dos catro concellos, xogando os encontros de Fútbol 8 na cancha artificial de San Sadurniño mentres que os de Fútbol 11 distribuirán o seu calendario polos demais recintos.
Campus de volei do Aldebarán
Outra entidade que xa anda traballando na preparación da próxima temporada é o Club Deportivo Aldebarán San Sadurniño, logo dun período 2020-21 cheo de satisfaccións. Ao ascenso do equipo profesional e a obtención da Copa Príncipe uníronselle máis recentemente a volta á primeira autonómica do Fisio-che ben feminino tras vencer ao Vigo na final do play-off de ascenso e o bronce dos infantís no campionato galego.
Lonxe de parar, o Aldebarán engancha o remate das competicións cun campus de volei dirixido a nenas e nenos nacidos entre o 2005 e o 2014, é dicir, rapazada desde os 6 até os 16 anos que queira meterse nesta disciplina ou aproveitar para mellorar a súa técnica.
A actividade ofrecerase de maneira gratuíta no pavillón polideportivo de luns a venres entre as 10 e as 13.00h. Empezan o 5 de xullo e rematan o día 30. É necesario apuntarse, como moi tarde, o 1 de xullo. Abondará con enviar un correo a campusansa@gmail.com ou contactar co club no teléfono 638 616 767.