Friday 22 de November de 2024

Miguel Sánchez Robles, gañador do Premio Literario Camilo José Cela do Concello d Padrón


O xurado destacou a “orixinalidade na aproximación a un tema recorrente” da obra gañadora

‘Te llamaré Matrioska’ é o título da obra gañadora do Concurso de Narrativa do Premio Literario Camilo José Cela que outorga o Concello de Padrón neste 2021. O autor é Miguel Sánchez Robles, que conta cunha importante obra literaria pola que obtivo grandes recoñecementos literarios a nivel nacional e internacional como, por exemplo, o Premio ‘Javier Torneo’ da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, o Premio Torrente Ballester de narrativa no 2019 ou o Premio Internacional de poesía “Claudio Rodríguez”, entre moitos outros.

A concelleira de Cultura, que exerceu de presidenta do xurado, destacou que “todas as obras presentadas neste certame amosaban unha gran destreza literaria. Ademais un ano máis numerosos escritores presentaron a súa obra a este concurso, o que indica que está xa moi consolidado no panorama nacional”.

O xurado deste certame estaba composto por Lorena Couso, concelleira de Cultura do Concello de Padrón; Carlos Arias Iglesias, funcionario da Xunta de Galicia, escritor e premiado na II edición do concurso de narrativa Premio Literario Camilo José Cela en 1991; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en filoloxía inglesa; Luis Alonso Girgado, catedrático de Ensinanzas Medias xubilado, escritor e colaborador do Centro Ramón Piñeiro para a investigación e humanidades en Santiago de Compostela; Inés Mosquera Calvo, mestra de Educación Primaria, investigadora do Centro Ramón Piñeiro para a investigación e humanidades en Santiago de Compostela; Esteban Folgar Brea, profesor de Lingua e Literatura do Instituto de Ensinanza Secundaria da Estrada, e María Cruz Taboada Álvarez, técnico do Concello de Padrón, como secretaria.

O xurado destacou a “orixinalidade na aproximación a un tema recorrente e a creación dunha voz feminina e dos tipos humanos que a rodean, baseada na verdade e unha visión tremendista da vida abocada ó fracaso e a destrución”.