Un total de 35 persoas participantes na VI Travesía Navega el Camino, impulsada por North Marinas, arribaron na xornada deste 17 de xuño á Pobra do Caramiñal. Sete embarcacións, das cales, o Kais está capitaneado pola campioa olímpica Ángela Pumariega, cunha tripulación feminina formada por profesionais do deporte, a educación, a ciencia, o coaching e a comunicación que acollen a bordo, en cada etapa, a diferentes profesionais do sector marítimo. Buscan así visibilizar a contribución da muller ao desenvolvemento dese ámbito e promover a gran variedade de vocacións vencelladas ao mar.
O alcalde da Pobra do Caramiñal e vicepresidente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira do Turismo, Charo Varela; o rexedor de Boiro, José Ramón Romero; e a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro; recibiron ao equipo no Náutico e convidáronos a xantar no restaurante situado nesas mesmas instalacións.
Posteriormente, tres mariscadoras da Asociación Mar da Pobra impartiron unha charla sobre turismo mariñeiro ao tempo que se proxectaba un vídeo sobre a materia. Explicaron así en que consiste o seu traballo, ademais de ensinar o instrumental que empregan e os diferentes bivalvos que extraen dos areais do municipio pobrense.
As actividades concluíron coa entrega dunha bolsa de agasallos -conformada por material promocional do turismo- para cada unha das persoas asistentes.
Chegarán no día 19 a Santiago de Compostela, realizando o último tramo do Camiño a pé, despois de percorrer a vela parte da costa atlántica norte, con saída de Hondarribia no 4 de xuño.