Saturday 16 de November de 2024

A cidade será escenario esta fin de semana dos campionatos de España de Tríatlon e da Copa do Mundo de Paratríatlon


A seis veces campioa do mundo de Paratríatlon, Susana Rodríguez, asegurou que a cidade era ideal para este deporte e que o circuíto que ofrece é un dos máis apaixonantes nos que participou pola súa contorna

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá o Campionato de España de Tríatlon por Clubs e Remudas mixtas do sábado e mais a Copa do Mundo de Paratríatlon, que terá lugar o domingo, “unhas das probas máis agardadas”, que converterán de novo a cidade nun escenario deportivo mundial esta fin de semana, unha das apostas do goberno de Inés Rey por situar A Coruña como espazo de referencia no deporte. A edila destacou a profesionalidade e a enorme sensibilidade da Federación Española de Tríatlon e sinalou que os valores medioambientais potenciados por este Concello permitirán que A Coruña luza durante a competición a bandeira Green Sport Flag.

Esta distinción, apoiada polo Consello Superior de Deportes, diferencia aquelas sedes que cumpren con requisitos moi esixentes relacionados coa sustentabilidade.

A Coruña incorpórase así ao club de cidades españolas con esta particularidade xunto a Barcelona, Madrid, Valencia ou Sevilla e sitúase unha vez máis como destino ideal para a práctica deportiva especialmente na contorna náutica.

Por outra parte, Mónica recordou que A Coruña estará tamén presente na competición, a través da participación de dous clubs da cidade, o Triatlón Coruña, na proba de terceira división, e o Hércules Termaria, na remuda mixta.

Canto á copa do mundo de Paratriatón, “o soño olímpico de moitas/os paratriatletas pasa por aquí”, xa que será a última das citas do ciclo pre-olímpico de cara a se clasificar para Tokyo. Acompañada da que foi seis veces campioa mundial de Paratríatlon, Susana Rodríguez Gacio, a concelleira confesou a grande admiración que sente por ela, “todo un exemplo de superación, valentía, coraxe, exemplo de vida”. No acto tamén participaron Jorge García, director de Competicións da Federación Española de Tríatlon, e Gonzalo Triunfo, presidente da Federación Galega de Tríatlon. A paratríatleta viguesa asegurou que A Coruña é unha cidade ideal para o deporte, “en especial para o tríatlon e que ten un dos circuítos máis apaixonantes pola súa contorna”. Pola súa parte, Jorge García incidiu na boa sintonía entre a federación española e o Concello e afirmou que “estamos ao final dun longo proceso. A Coruña non puido albergar o que estaba formulado para 2020”, pero que baixo o prisma de que o deporte non é un problema, senón a solución, poderanse finalmente disputar estas competicións seguindo parámetros de seguridade estritos.