Monday 25 de November de 2024

Rey anuncia investimentos por valor de 7 millóns de euros na Cidade Vella durante a súa visita á rúa Nosa Señora do Rosario


A alcaldesa, que descubriu unha maqueta da rúa coa antiga muralla, avanzou que o Goberno local licitará as obras de remodelación da rúa Cortadoría unha vez que Patrimonio xa lle deu luz verde ao proxecto

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada do concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, e da concelleira de Comercio e Barrios, Diana Cabanas, supervisou esta mañá as obras de urbanización e mellora da accesibilidade da rúa Nosa Señora do Rosario na Cidade Vella, onde o Goberno local ten previsto investir máis de 7 millóns de euros até o final do mandato. Durante a visita, a alcaldesa descubriu unha maqueta do recinto amurallado da rúa, onde se instalou ademais un elemento metálico que simboliza a traza da muralla atopada durante a execución das obras.

Esta actuación, sinalou Rey, supón un paso máis de cara á revitalización económica e comercial do núcleo histórico da cidade, onde o Goberno local xa executou 1,5 millóns de euros en actuacións, como a mellora de accesibilidade do Castelo de San Antón, a contorna do carril bici do dique, o paseo do Parrote ou a mellora da Mariña. A todas estas actuacións sumarase a reforma da rúa Cortadoría. A alcaldesa aproveitou a visita ao barrio para avanzar a próxima licitación das obras que se financiará con fondos EIDUS e terán un orzamento de 307.852 euros. A Dirección Xeral de Patrimonio deulle luz verde ao proxecto unha vez que a Concellería de Urbanismo modificou o proxecto cos cambios relativos á tipoloxía de pavimentos.

A alcaldesa sinalou que a humanización da rúa Nosa Señora do Rosario, cun investimento de 669.254,00 euros, supón gañar espazos de calidade para uso cidadán.

As obras financiáronse a través dos fondos EIDUS dentro da liña “Promoción da mobilidade a pé”. “Esta actuación é un exemplo da nova mobilidade pola que apostamos. Un modelo baseado nunha Coruña que vai a pé, que camiña. Gañamos espazo nesta rúa, mellorando o espazo público porque queremos que a cidade deixe de ser un lugar de paso e se converta nun lugar para estar”, explicou. Coa urbanización da rúa mellorouse a accesibilidade creando unha plataforma única.

Ademais, os traballos levan implícita a mellora dalgunhas infraestruturas, como a recollida de pluviais, a rede de abastecemento de auga potable e o soterramento das canalizacións de electricidade, telecomunicacións e iluminacións. Así mesmo reordenáronse os elementos de xardinería existentes na rúa plantando novas árbores e instalouse novo mobiliario urbano en que destaca o banco singular en Porta de Aires.

Canto á rúa Cortadoría, a intención do Goberno local é transformala nun espazo peonil. Para iso, eliminaranse as prazas de aparcamento e tan só poderán circular os vehículos das persoas residentes para carga e descarga, así como o camión de recollida de lixo, xa que na praciña de Cortadoría atópanse contedores soterrados.  Repararase o pavimento e renovaranse as infraestruturas.

A estas obras sumaranse a reforma da rúa Damas, cuxo proxecto está sendo revisado polo persoal técnico de Urbanismo, a da contorna da Fundación Luís Seoane (219.463 euros), a rehabilitación da Casa Vedoría coa ampliación do centro cívico e a creación de novos espazos para a mocidade (4 millóns de euros), as obras de restauración do xardín de San Carlos (310.515 euros), a urbanización do espazo exterior do mercado de San Agustín (822.579 euros), a ampliación de beirarrúa e mellora da accesibilidade da rúa Mestranza (174.332 euros), ou as obras de accesibilidade e fachadas do xacemento arqueolóxico do antigo convento de San Francisco.

Queremos, dixo Rey, unha cidade de servizos en todos os barrios e, por iso, o Goberno local ten previsto investimentos en todos os barrios por valor de 50 millóns de euros.

Desde grandes obras até pequenas actuacións que favorecen a mobilidade e serven para mellorar a calidade de vida da veciñanza.