Friday 22 de November de 2024

O campamento cultural ‘Verán Activo 2021’ do Concello de Lousame abre hoxe o periodo de preinscrición


O programa terá lugar entre o 12 e o 23 de xullo en horario de mañá

O Concello de Lousame abre hoxe xoves 17 de xuño, e ata o vindeiro 25 de xuño, o prazo de preinscrición no campamento cultural ‘Verán Activo 2021’. A alcaldesa do Concello de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presentaron esta mañá o programa de ‘Verán Activo’ para este 2021, que terá lugar entre o 12 e o 23 de xullo no polideportivo Pilar Barreiro en horario de 09:30 a 13:30 horas.

Trátase dunha iniciativa lúdica e cultural que se dirixe a nenos e nenas de 6 a 14 anos de idade e na que se realizarán actividades cos recursos e paisaxes naturais de Lousame. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destacou que “ao igual que o ano pasado, púxemos moita atención en todas as medidas de seguridade por mor da Covid-19 para que as actividades se desenvolvan nunha contorna segura”.

Obradoiros, inchables de auga, rutas de sendeirismo, ximkanas acuáticas, xogos populares, campionatos de videoxogos, campionato de waterpolo, actividades de slackline e incluso unha viaxe imaxinaria a Turquía… O programa deseñado polo equipo de Cultura, Deporte e Xuventude do Concello de Lousame inclúe diversas actividades coas que os nenos e nenas participantes gozarán dun verán de aventuras.

Inscrición

As familias empadroadas e con residencia acreditable no Concello de Lousame terán prioridade para facer a inscrición neste programa. Os prezos son os mesmos do ano pasado, é dicir, 45 euros para todas aquelas familias empadroadas no Concello de Lousame. A admisión das crianzas para participar neste campamento farase tendo en conta a orde de entradas das solicitudes a través de BandoTicket.com. No caso de que quedasen prazas libres non ocupadas polos nenos e nenas lousamiás, abrirase un segundo período de preinscrición entre o 28 de xuño e o 2 de xullo. Todas aquelas persoas que se preinscriban recibirán un correo electrónico de confirmación da súa praza para poder formalizar a súa inscrición e presentar toda a documentación que se require –solicitude, xustificante do pago realizado, DNI e tarxeta sanitaria da crianza e o DNI da persoa que se autorice para recoller no caso de que non sexan os pais ou nais-.