Friday 22 de November de 2024

A Xunta convoca prazas de residencia para estudantes con ciclos formativos e de bacharelato no curso 2021/22


― A Consellería de Educación oferta estas vacantes nos Centros Residenciais Docentes (CDR) da Coruña, Ourense e Vigo

― No curso actual tiveron este servizo gratuíto máis do 90% dos usuarios

― Así mesmo, convócanse 30 prazas para universitarios que presten apoio como bolseiros nestes centros

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes (CRD) da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios (de Bacharelato e ciclos FP fundamentalmente) no curso 2021/22. O obxectivo desta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación e Universidades é facilitar o acceso a esta formación ao alumnado que se escolariza en localidades distintas ao seu domicilio habitual, motivado polo feito de que os estudos que realiza non se impartan en ningún centro sostido con fondos públicos da súa localidade de residencia nin noutra próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade. No actual curso 2020/21 goza deste servizo de forma gratuíta máis do 90% do alumnado que emprega dos centros residenciais docentes.
Poderán solicitar praza de residencia as persoas matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2021/22, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O alumnado que obteña praza terá dereito de reserva ata que complete os estudos dun nivel formativo concreto que dea lugar á obtención dun título académico, sempre que non repita curso e non variasen as circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

Os residentes que rematen un nivel educativo concreto ou ciclo formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para acadar o título académico correspondente, non terán reserva de praza, polo que, para poder continuar os estudos deberán presentar unha nova solicitude.

Prazos de presentación
O prazo de presentación de solicitudes para o alumnado matriculado en bacharelato estará aberto ata o vindeiro 9 de xullo e ata o 2 de agosto para o alumnado matriculado en ciclos formativos. As listaxes definitivas ca relación de persoas admitidas, excluídas e adxudicatarias faranse de forma conxunta tanto a través da páxina web da Consellería coma no taboleiro ou páxina web do respectivo centro residencial o 13 de setembro. Para os centros nos que quedaran prazas vacantes, abrirase un prazo extraordinario de solicitudes entre o 14 e o 22 de setembro e as listas definitivas publicaranse o 8 de outubro.

En canto aos criterios de valoración, sinalar que teranse en conta os datos socioeconómicos, como a composición da unidade familiar, renda, discapacidade ou desemprego; e o rendemento académico

Colaboradores
Así mesmo, convócanse 30 prazas para estudantes universitarios que presten apoio como bolseiros nestes centros, que tamén poderán acceder a vivir neles durante o vindeiro curso de forma gratuíta. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 6 de agosto e poderá formalizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O obxectivo destas bolsas é facilitar ao alumnado universitario aloxamento e manutención gratuíta no centro residencial, a cambio de que colabore co persoal profesional que traballa neles en determinados aspectos relacionados coa orde interna, a convivencia e o desenvolvemento de accións formativas e complementarias do alumnado residente.

Neste caso, as persoas solicitantes deberán estar matriculadas en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2021/22. Os beneficiarios da praza de colaborador bolseiro non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

No proceso de selección das persoas candidatas, terase en conta conta a renda da unidade familiar, o rendemento académico así como a súa experiencia derivada da participación en cursos ou accións formativas ou no traballo colaborativo e o seu coñecemento de linguas estranxeiras ou de ofimática, valorada mediante unha entrevista.