Friday 22 de November de 2024

A cuarta Campaña de Voluntariado de WWF no Parque das Illas Atlánticas comeza mañá para obter datos sobre o medio mariño e as aves mergulladoras


― Ata o vindeiro mes de setembro organizaranse catro quendas de traballo de 13 días de duración e cada equipo estará integrado por catro voluntarios e mais os monitores

― Os primeiros participantes sairán mañá de Vigo e regresarán o 29 de xuño a Ribeira

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a organización ecoloxista WWF colaborarán desde mañá e durante os próximos catro meses nunha campaña de voluntariado no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia para obter información sobre a interacción humana co medio mariño e as poboacións de aves mergulladoras presentes nesta zona.

Este é o cuarto ano no que as illas acollen esta actividade, que ten como principal obxectivo contribuír á conservación da vida mariña no único parque nacional da Comunidade. En total, hai programadas catro quendas de traballo de 13 días de duración cada unha, comezando a primeira mañá, 17 de xuño, e con regreso previsto para o día 29.

Os voluntarios organizaranse en equipos de catro persoas, sen contar ao monitor responsable, e desenvolverán o seu traballo en tres dos catro arquipélagos do Parque (Cíes, Ons e Sálvora). No caso deste primeiro grupo, comezarán a súa estadía en Cíes e rematarana en Sálvora.

Deste xeito, sairán do porto de Vigo ás 17,00 horas con dirección a Cíes, onde pasarán as primeiras xornadas de traballo para ir rotando despois a Ons e Sálvora co fin de poder tomar datos das tres illas.

As outras tres quendas de traballo desenvolveranse do 15 xullo, con saída do porto de Bueu, ata o 28 xullo, con regreso a Vigo; do 12 ao 24 de agosto, partindo neste caso de Aguiño (Ribeira) e con volta prevista a Bueu; e do 9 ao 21 de setembro, con saída en barco desde Vigo e regreso programado a Ribeira. As 16 prazas dispoñibles para participar na campaña de voluntariado nas Illas Atlánticas deste ano xa están cubertas.

Coincidindo co inicio de cada unha das catro quendas, os participantes deberán presentarse na Oficina do Parque Nacional en Vigo para recibir unha primeira formación a cargo de WWF, co fin de garantir o correcto desenvolvemento dos traballos. Desde alí, serán trasladados en barco desde Vigo, Bueu ou Aguiño —dependendo da súa quenda— para continuar nas illas co apartado formativo desde un punto de vista práctico.

O labor dos voluntarios consistirá na realización de actividades de observación directa das zonas do Parque Nacional previamente identificadas a través de aparellos ópticos axeitados e ferramentas para a súa localización. Así, os distintos grupos irán recollendo e anotando información que describa a situación observada (situación exacta, especies, número de aves, tipo de actividade humana, embarcacións…) incluíndo, de darse o caso, posibles capturas accidentais.

Grazas á información que se recompile durante os catro meses que durará a campaña deste ano aumentarase o coñecemento existente sobre os usos humanos do medio mariño no Parque Nacional (pesca, actividades náuticas e recreativas, turismo, transporte…) e tamén a información dispoñible sobre as poboacións de aves mariñas mergulladoras e o uso que fan das augas desta zona.

Requisitos e apoio durante a estadía nas illas
Para poder intervir na campaña de voluntariado nas Illas Atlánticas os requisitos esixidos son ser maior de idade, ter coñecementos básicos de ornitoloxía e estar familiarizado co manexo de aparellos como prismáticos ou telescopios, e dispor da resistencia física, autonomía e responsabilidade mínimas necesarias para poder camiñar e observar aves durante varias horas. Tamén se valora a experiencia na recollida sistémica de datos sobre o terreo e os coñecementos para o manexo dun ordenador e de follas de cálculo.

A participación na actividade é totalmente gratuíta, contando con financiamento do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN) en colaboración con WWF. Así, a organización ecoloxista achegará todo o material requirido e asumirá os gastos de manutención dos voluntarios durante a súa estadía nas illas, mentres que a dirección do Parque ocuparase dos traslados por terra e mar e do aloxamento, que se fará nas súas propias instalacións, poñendo ademais ao seu persoal a disposición dos voluntarios.

Os participantes, en todo caso, terán que chegar por medios propios ao punto de recepción establecido para cada quenda (Vigo, Bueu ou Aguiño).