Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión liquida o orzamento de 2020 cun remanente de tesourería de 5,9 millóns e un resultado axustado de 1,06 millóns


O Pleno Municipal de Brión do mes de xuño tomou coñecemento da liquidación de 2020, exercicio que se pecha cun resultado axustado de 1.067.946 euros e un remanente de tesourería para gastos xerais de 5.908.368,02 euros. Unhas contas que se pechan cunha porcentaxe de execución do 67,3% en gastos e do 83,09% en ingresos.

Así mesmo, durante o Pleno déronse a coñecer os derradeiros datos económicos do municipio como o Período Medio de Pago, que no primeiro trimestre de 2020 foi de 16,68 días. A Intervención municipal deu a coñecer que se está a cumprir a estabilidade orzamentaria e, pese a que nestes momentos están suspendidas, o Concello tamén cumpre coas regras de gasto e de déficit.

Finalmente, na sesión plenaria de hoxe, a primeira que se celebra de xeito presencial despois de varios meses, o Pleno aprobou por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito de 27.900 euros para o pago de facturas atribuíbles ao exercicio anterior pero que foron presentadas en decembro de 2020 ou en xaneiro de 2021.

As tres mocións presentadas polos grupos municipais foron aprobadas. As dúas mocións tipo do BNG foron aprobadas por unanimidade: a primeira para amosar o rexeitamento do Concello de Brión á imposición de peaxes nas autovías e a segunda para pedirlle ao Goberno unha redución do recibo eléctrico a través dunha redución dos impostos cos que se grava, especialmente o IVE.

Pola súa banda, o PP volveu presentar unha moción para pedirlle á Deputación da Coruña melloras na seguridade dos peóns na AC-1302, ao seu paso por Mourentáns. Solicitan a instalación de beirarrúas, semáforos e pasos elevados. Unha moción que en decembro pasado fora emendada polo PSOE para incluír tamén o aumento da seguridade viaria nas estradas de competencia da Xunta de Galicia, especialmente no caso de San Salvador-Pérros.