Saturday 16 de November de 2024

Novas ocasións para coñece-las illas Atlánticas e o río Ulla con saída dende A Pobra


Ás visitas guiadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas programadas para este mes de xuño con saída e chegada ao municipio pobrense, engádense outras catro viaxes para o que resta da tempada estival;entre elas, unha saída para coñece-la Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla. Ofértanse así, para o conxunto do verán, un total de cinco travesías froito da colaboración por terceiro ano consecutivo entre o Concello da Pobra do Caramiñal e a empresa Piratas de Nabia. Ao acto de presentación asistiron a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ángeles Tubío; e Vanessa Varela, en representación da referida navieira.

No 12 de xuño inaugurouse este programa coa visita a Sálvora, na coñecida como ruta Starlight, mentres que no día 27 será a quenda de achegarse ata Ons. Xa en pleno mes de xullo navegarase pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla, no 25. Finalmente, en agosto regresarase a Ons e Sálvora, no 8 e 29, respectivamente.

Tanto a edil coma a representante de Piratas de Nabia cualificaron a primeira das viaxes como “todo un éxito” e animaron a xente a seguir participando nestas propostas que posibilitan coñece-lo patrimonio natural.

As persoas interesadas deben formaliza-la súa reserva con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Tamén se pode solicitar información e resolver dúbidas en www.apobra.gal/turismo ou no 671090262. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.