Saturday 16 de November de 2024

A Xunta presenta o Campo de Voluntariado de A Laracha, que inclúe actividades medioambientais e arqueolóxicas


― A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá as instalacións que albergarán o Castro de Montesclaros

― O programa abrangue propostas que van desde excursións turísticas de interese e sendeirismo ata a elaboración de debuxos arqueolóxicos, entre outras

― É unha das 13 novas propostas que se suman este ano á Campaña de Verán

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou hoxe o campo de voluntariado “Castro de Montesclaros”, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Esta actividade, centrada en obradoiros medioambientais, sendeirismo e distintas excursións turísticas de interese, tamén inclúe outras moitas iniciativas como xogos deportivos ou a elaboración de debuxos arqueolóxicos.

Este campo de voluntariado, que se desenvolverá no concello da Laracha, forma parte das 13 novas propostas que se engaden este ano como novidade á Campaña de Verán, que ofrece un total de máis de 7.800 prazas. Todos os campos de voluntariado contarán coa participación de 12 persoas para axudar a cumprir as medidas de prevención fronte á covid-19.

Os participantes no Castro de Montesclaros levarán a cabo labores de limpeza no castro, que irán dende a delimitación do terreo ata a súa limpeza total coa poda das frondosas existentes e a eliminación da cuberta vexetal. Ademais, traballarase na protección da biodiversidade, animal e vexetal da zona.

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado puxo en valor o labor que os campos de voluntariado fan na mocidade galega, fomentando a educación en valores, o traballo en equipo, asentando a cultura solidaria e a preocupación polo mantemento do medioambiente.

Campos de voluntariado
Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. Para os que se celebran noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias: a primeira delas rematou o pasado día 21, mentres a segunda abriuse o 1 de xuño e pechará cinco días antes do inicio do campo.

A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.