― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron na reunión na que se actualizou este plan que fixa a coordinación ante emerxencias dos servizos de prevención e emerxencias
― Tamén se dou conta do novo decreto para actualizar as actividades en centros obrigados a presentar plans de autoprotección e da nova orde pola que se crea un rexistro electrónico para mellorar a eficiencia das intervencións de emerxencia
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta mañá por videoconferencia a Comisión Galega de Protección Civil onde foi aprobada por unanimidade a revisión do Plan de Protección Civil de Salvamento en Praias de Galicia (SAPRAGA), co que se actualiza o documento vixente desde 2022. O plan xa foi avaliado de xeito favorable na comisión técnica permanente desta comisión e ten como obxectivo establecer a coordinación dos servizos de prevención e socorrismo para incidencias ordinarias e a integración no PLATERGA ante as emerxencias extraordinarias.
Os concellos con praias, tanto fluviais como marítimas, poderán adherirse de xeito voluntario a este novo plan, que inclúe como novidade a elaboración dunha análise de riscos dos areais para fixar as medidas e recursos mínimos de protección para reducir riscos.
No encontro de hoxe tamén se aprobou da homologación Plan de emerxencia exterior de EXOLUM Vigo (antes Compañía Loxística de Hidrocarburos CLH), e informouse favorablemente deixar sen efecto o Plan de emerxencia exterior do polígono de Praceres-Lourizán en Pontevedra, toda vez que Elnosa cesou a súa actividade e as instalacións de Ence non almacenan substancia perigosas en cantidades que obriguen a contar con Plan de emerxencia exterior de xeito que, ante un posible accidente, se actuará conforme ao protocolo de accidentes industriais.
Por outra parte, douse conta do novo decreto para actualizar as actividades en centros obrigados a presentar plans de autoprotección e da modificación da súa orde de rexistro, que inclúe a creación dun rexistro electrónico cunha base de datos que os servizos de emerxencia poderán consultar para mellorar a eficiencia nas súas intervencións.
Ademais, aprobouse o Plan de Emerxencia Municipal do Concello de Cangas, e os plans de actuación municipal fronte ao risco de incendios do concello coruñés e O Pino e o pontevedrés de Mondariz, cos que se da continuidade aos traballos de planificación de resposta ante os incendios forestais. E co obxectivo de seguir coas medidas de implantación de emerxencias de presas, sobre todo ante casos de zonas afectadas por roturas, a Comisión informou dos plans de actuación municipal fronte ao risco de rotura da presa de San Pedro en Nogueira de Ramuín (Ourense); a de San Pedro en Coles e O Pereiro de Aguiar (Ourense), e a de Sequeiros en Quiroga (Lugo).