Friday 22 de November de 2024

A Xunta convoca hoxe as axudas do Fondo de Cooperación para a rehabilitación de inmobles en concellos de menos de 50.000 habitantes


― Ángeles Vázquez salienta que a convocatoria deste ano reserva case 4,5 millóns de euros para apoiar ás entidades locais ao impulso de proxectos

― Desde a posta en marcha do programa concedéronse 36 axudas por un importe de máis de 7 millóns de euros

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a Xunta convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia as axudas do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Trátase dun programa creado en 2017 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e que na actual convocatoria –a de 2021- reserva case 4,5 millóns de euros. Os concellos interesados en participar no mesmo dispoñen ata o 1 de outubro para presentar as súas solicitudes.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adiantou esta mañá a apertura desta liña de incentivos, durante a visita ás obras de rehabilitación do Pazo de Goiáns, no concello de Boiro, un proxecto de recuperación dun inmoble público que se beneficiou dunha subvención de algo máis dun millón de euros ao abeiro deste programa, na convocatoria do ano 2017.

Nese sentido, invitou aos concellos galegos a presentar os seus proxectos e beneficiarse deste crédito, que deberán devolver a administración galega nun prazo de oito anos sen xuros. Recordou que os incentivos serven para levar a cabo actuacións de rehabilitación, así como para adquirir inmobles para a súa posterior recuperación.

A conselleira lembrou que este programa de rehabilitación é unha mostra do compromiso do Goberno galego coa conservación e recuperación do patrimonio construído na comunidade. Grazas ao mesmo xa se impulsaron 36 axudas por un importe de máis de 7 millóns de euros.

Entre estes proxectos, atópase a recuperación do Pazo de Goiáns. Unha actuación que –como recordou a conselleira- está xa moi avanzada e que se espera rematar este mesmo verán e que permitirá poñer ao servizo dos veciños de Boiro un espazo de intercambio cultural e de dinamización social, rodeado de natureza e biodiversidade.

Grazas á intervención realizada, definiuse un novo uso para una inmoble con moita historia para este pobo e cun gran valor patrimonial, que debe ser conservado.