O Concello tamén se mostrou disposto a asumir a transferencia do tramo urbano da vía provincial DP-1503 -a rúa da Fraga- despois de que a Deputación leve a cabo traballos de mellora
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe na sede da institución provincial co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os concelleiros de Urbanismo e Obras e Servizos, Manuel Polo e Mar Piñeiro. No encontro ambas Administracións acordaron poñer en marcha distintos proxectos para a mellora da seguridade de distintos viais da rede provincial de estradas ao seu paso polo municipio.
González Formoso confirmou que -tal e como demandou o consistorio en dúas ocasións- a Deputación iniciará o proxecto para a construción dunha senda peonil na estrada da Armada (DP-3501), que dará continuidade ás beirarrúas que actualmente xa chegan ata a zona da Torre de Borrás e continuaría o itinerario peonil ata o lugar onde a estrada provincial conecta coa vía rápida que vai a Mugardos, un tramo de menos de un quilómetro de lonxitude que contribuirá a mellorar a seguridade peonil, completando a infraestrutura existente.
Por outra banda, o goberno municipal de Fene mostrou a súa disposición para que se lle transfira ao Concello o tramo da DP 1503 que discorre polo núcleo urbano do municipio (rúa da Fraga), previa mellora da pavimentación e pintado do vial.
No transcurso da xuntanza, Juventino Trigo tamén solicitou a colaboración da Deputación da Coruña para mellorar a seguridade vial no entorno do instituto de Barallobre, onde só hai un tramo de beirarrúas e os vehículos circulan con frecuencia a velocidade excesiva, un asunto que o presidente provincial “se comprometeu a estudar” co deputado José Manuel Pequeño e os técnicos do departamento de Vías e Obras, co obxectivo de determinar as medidas “máis adecuadas”.